URBANISMO

Visto bo para a ampliación da avenida da Liberdade

20/02/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu un novo consello de administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) no que, entre outras cuestións, acordouse a ampliación do contrato de execución das obras de urbanización do SUP-6 e do SUNP-22. Deste xeito, e con carácter inmediato, poderá empezar a prolongación da avenida da Liberdade.

Este novo vieiro conectará o solo urbanizable programado número 6 de Santa Marta, e o solo urbanizable non programado número 22 de Castro de Abaixo, ambos en execución nestes intres. Neste sentido, o consello aprobou tamén o convenio de EMUVISSA con Santiago Sur, para executar o viario de conexión. As obras comezarán nun prazo aproximado dun mes.

O consello de administración tamén aprobou o prego de cláusulas que permitirán realizar o concurso para adxudicar o contrato de execución das obras de urbanización do polígono SUNP-12 de Lamas de Abade. O orzamento da obra ascende a 4.763.386 euros e o prazo de execución previsto son doce meses.

Finalmente, deuse o visto bo a dous convenios: un con Santiago Sur para a realización das obras de edificación no quinteiro 16 do SUNP-22, en Castro de Abaixo; e outro con Ruafer para a realización das obras de edificación no quinteiro 15 do SUP-7 na Pontepedriña.

Compartir: