TURISMO

Premio para os produtos máis innovadores no Fórum Gastronómico

19/02/2008 Unha vintena de produtos gastronómicos competiron por ser o máis vangardista nos Premios InnoFórum, que se entregaron nunha nova xornada do Fórum Gastronómico. O viño foi protagonista na segunda entrega do congreso profesional, na que expertos enólogos o maridaron con ostras, queixo ou chocolate.

Dez empresas optaban aos IV Premios InnoFórum que convocou Fórum Gastronómico Santiago’08. Os galardóns queren recoñecer o esforzo innovador das empresas dentro do sector da gastronomía.

O premio posúe tres categorías distintas: o recoñecemento ao produto de concepto máis innovador, ao mellor packaging/presentación e ao sabor máis innovador. En total, son 21 os produtos que optaron aos premios. O premio Innofórum á mellor presentación foi para a Crema xeada de tarta de Santiago, de Sandro Desii, envasada nun práctico vaso individual que incorpora unha culleriña. Recolleu o galardón de mans de Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago.

O premio ao gusto máis innovador recaeu no aceite de oliva virxe extra de Aceites Vizcántar, de Priego de Córdoba, pola "intensidade do seu froitado con tons amendoados e o grande equilibrio entre o amargo-picante e doce que posúe". O produto vén presentado nun envase de cerámica vitrificada para preservalo da luz e do aire. Entregou o premio Jaume von Arend, codirector do Fórum Gastronómico.

Por último, o galardón ao concepto máis innovador levouno Serie limitada de Conservas Cuca, unidades limitadas dependendo da calidade do produto recollido nunha lonxa e data determinadas, dentro da máxima calidade existente en Galicia. Entregou o premio Xosé Manuel Iglesias, concelleiro de Turismo.

Os membros do xurado, composto por relatores e cociñeiros desta edición do Fórum Gastronómico, fixeron público o seu veredicto na cerimonia de entrega de premios, que tivo lugar no Auditorio Compostela do Palacio de Congresos.

Os produtos participantes están ubicados na zona Innofórum da Feira, un espazo dotado de vitrinas nas que quedan expostos durante todos os días de celebración do evento. A zona InnoFórum serve de punto de encontro entre congresistas, produtores e visitantes.

Fórum Viño
Con ostras, chocolate ou queixo, o viño foi o protagonista da xornada do martes 19 do Fórum Gastronómico Santiago’08. O evento converteuse no punto de encontro de expertos e afeccionados á cultura enóloga, con catas guiadas a cargo de expertos da talla de Ramon Freixa, Rui Falcao, Xoan Cannas, Guillermina Sánchez, Andrés Conde e Sacha Ormaechea.

Ademais, celebrouse o Mercado do Viño, no que 10 adegas singulares do Arco Atlántico amosaron os seus produtos máis destacados. O programa completouse con sesións de cociña en directo de Paul Cunnigham, Vitor Sobral, Roberta Sudbrack, Seiji Yamamoto e Aitor Elizegui, que rexistraron un cheo absoluto.

Axenda o mércores 20 de febreiro

09.30-10.30h. Oliver Bellin, representante da nova cociña bretona. Auditorio Compostela.

11.00-12.15h. Eneko Atxa, novo valor da cociña eúscara. Auditorio Compostela.

11.30-12.30h. A Cociña da troita. Atrugal. Aula Picadillo.

12.45-14.00h. Koldo Miranda, un dos mellores chefs de Asturias. Auditorio Compostela.

13.15-14.15h. Ponencia-taller: "Pesca de Rías, ¿de onde se non?" Yayo Daporta, recente estrela Michelin. Aula Picadillo.

16.00-17.15h. Stephane Buyens, rexente dun dos locais máis emblemáticos de Flandes. Auditorio Compostela.

16.00-17.15h. Antonio Botana, cociñeiro experto en peixes e mariscos. Aula Picadillo.

17.30-18.30h. Diálogo: Abel Mariné, Aniceto Charro e José López Alba. Dietética e nutrición. Auditorio Compostela.

18.45-20.00h. Marcelo Tejedor, fundador do Grupo Nove, referencia da nova cocina galega. Auditorio Compostela.

Compartir: