DEPORTES

O informe de xestión dos complexos deportivos municipais deixa un balance positivo

19/02/2008 A empresa Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE), responsable do Complexo Deportivo de Santa Isabel e do Multiusos do Sar, presentou o informe da xestión do 2007 e o orzamento previsto para 2008. O documento foi presentado durante o consello de administración presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Segundo este informe, para o ano 2008, o estado provisional de ingresos ascende a 3,534 millóns de euros, mentres que os gastos serán de aproximadamente de 3,308 millóns de euros, dos cales a maioría son gastos de explotación e custos de persoal. A diferenza total entre ingresos e gastos alcanzará os 226.195 euros.

Con respecto ás contas do 2007, XADE acadou durante o 2007 uns ingresos totais de 3.812.928 euros e uns beneficios antes de impostos de 170.325,28 euros.

Finalmente, no informe da xestión de 2007 cabe resaltar a continuación das actividades deportivas (impartíronse máis de 15.000 clases), a media de utilización dos complexos que fixeron os usuarios foi de 3.500 horas ao día entre o Multiusos do Sar e Santa Isabel, que estiveron abertos 11.000 horas en total durante o 2007. Tamén hai que resaltar que este ano se ampliaron os horarios para dar máis facilidades aos usuarios. Os dous complexos abren ás 7 da mañá, unha hora antes do que viña sendo habitual.

En cando á organización de eventos no Multiusos do Sar, celebráronse durante o ano pasado 16 grandes espectáculos. Isto supuxo un gran esforzo de negociación cos promotores e un convenio con Caixa Galicia. Fito e Calamaro, Van Morrison, Alejandro Sanz e a ópera Aida foron os que reuniron a máis xente. En total, foron 70.000 as persoas que pasaron polo Multiusos para acudir a algún dos 15 eventos celebrados durante o 2007.

Por último, cómpre lembrar que os dous complexos municipais prestan as súas instalacións ao deporte federado da cidade (Lobelle, Rosalía, waterpolo...), acollendo por exemplo os adestramentos do Beirasar Rosalía, que na tempada 2006/07 acadou o título da L.E.B.2, o ascenso a L.E.B.1 e a participación na fase final da copa Adecco Leb2.

Compartir: