BENESTAR SOCIAL

Benestar Social prestará atención integral ás familias para evitar situacións de risco social

19/02/2008 O Concello de Santiago, a través da Concellería de Benestar Social, pon en marcha unha Unidade de Atención ás Familias. Sete profesionais darán así unha resposta integral e diferenciada aos problemas derivados nestes ámbitos, con especial atención á infancia e á adolescencia, xeradoras de máis situación de vulnerabilidade social ou crises.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou esta Unidade, "á que se poderá achegar calquera familia que teña dificultades nas relacións cos seus fillos". Segundo apuntou, este equipo serve tamén para que poidan traballar dun modo "cohesionado e coordinado" todos os profesionais que viñan prestando os seus servizos neste campo.

A Unidade está formada por profesionais que, dende a área de Benestar Social viñan desenvolvendo actividades relacionadas coas familias en diferentes ámbitos. O equipo interdisciplinar estará formado por tres educadoras sociais, dúas traballadoras sociais, unha psicóloga e unha coordinadora, tamén psicóloga. O seu labor desenvolverase en tres ámbitos: prevención universal, prevención selectiva e prevención indicada. O novo teléfono municipal de atención á familia é o 981 542 480. O horario no que tamén poderán acudir á sede de Benestar Social, en Galeras, 46, é de 9:00 a 14:00 horas.

Prevención de situacións de risco
O primeiro destes eixes de actuación refírese a programas e actividades dirixidas á poboación xeral, que pretenden evitar a aparición de situacións de risco. Articularase, por exemplo, a través do Programa de pais e nais para a educación, que inclúe obradoiros nos que se tratan temas como a comunicación, os estilos educativos, a autoestima ou as relacións pais-fillos.

Tamén se realizarán obradoiros semanais de resolución de conflitos entre pais e fillos adolescentes. O seu obxectivo é axudar a resolver os problemas que poden xurdir durante esta etapa do crecemento dos rapaces e rapazas, proporcionando aos pais e nais técnicas e instrumentos para a súa resolución.

Outro ámbito no que traballará a Unidade será a prevención selectiva, con actividades dirixidas a aquela poboación de maior vulnerabilidade social. É o caso do Programa para familias con menores en situación de risco (6-12 anos). Preténdese dotar ás familias e adestralas naquelas competencias familiares que diminúen os factores de risco e incrementan os de protección.

Intervencións terapéuticas e socio-educativas
Finalmente, o terceiro eixo de acción será a denominada prevención indicada. Aquí inclúense programas dirixidos a aquelas familias nas que se presentan situacións que requiren unha intervención específica. Para afrontalas cóntase co Programa de intervención con familias de menores e adolescentes en situación de risco. No mesmo, os profesionais da Unidade desenvolverán actuacións terapéuticas e socio-educativas coas que apoiar ás familias na resolución de crises concretas que supoñan unha maior vulnerabilidade dos menores en casos como os de violencia nas aulas, consumo de estupefacientes, etc.

Outro recurso dispoñible para as familias neste campo son os programas que se desenvolven dende a Unidade de Psicoloxía Forense da USC. Tal é o caso do de "Ruptura de parella, non de familia", que persegue eliminar e minimizar os efectos negativos que produce a separación dos pais nos menores e nos propios proxenitores. Tamén se presta un servizo de mediación familiar nos procesos de separación matrimonial, favorecendo o acordo, a coparentalidade e a mellor solución para o menor.

Compartir: