EDUCACIÓN

Educación leva unha ludoteca itinerante ás escolas rurais de Compostela

18/02/2008 Tamén en materia de Educación, a Xunta de Goberno deu o visto bo ao plan de dinamización das escolas rurais de Compostela, realizado a través da ludoteca itinerante Troularte. Este programa de animación sociocultural para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. O seu orzamento para o seu desenvolvemento, ata xuño de 2008, é de 8.865 euros.

Tras o peche das escolas da Peregrina e da Susana-Marrozos, son cinco as escolas rurais unitarias que se beneficiarán destas actividades: Feáns-Villestro, O Gaioso-O Eixo, O Rial-Laraño, O Sisto-Marrozos e Rodríguez Xixirei. As actividades teñen unha temática específica cada mes. Así, no mes de febreiro están centradas no mundo da cociña.

A Xunta de Goberno aprobou tamén o programa municipal de educación viaria e na autoprotección "¿Onde está o perigo?", cun orzamento de 19.258 euros. Desenvolverase do 19 de febreiro ao 10 de abril.

Este programa comprende un conxunto de actividades para desenvolver hábitos de seguridade viaria e actitudes cívicas. Realízanse fundamentalmente no Parque Infantil de Tráfico, no espazo destinado no recinto feiral de Amio. Colaboran nesta iniciativa a Policía Municipal, os Bombeiros e Protección Civil, en coordinación coa Xefatura de Tráfico da Coruña e co Centro Superior de Educación Vial.

Obras de mantemento
Por outra parte, deuse o visto bo ao inicio do expediente de contratación de diversas obras de mantemento e reparación nos centros de Educación Infantil e Primaria dependentes do Concello. O orzamento destas obras será de 58.539 euros.

Este investimento permitirá realizar traballos xerais de mantemento nos centros escolares, así como obras de fontanería. Tamén posibilitará o mantemento dos ascensores dos colexios.

Compartir: