PERSOAL

O Concello investirá 120.000 euros no seu Plan de Formación Continua

18/02/2008 O Plan de Formación Continua 2008 do Concello contará cun orzamento de 119.905 euros, dos que 110.912 destinaranse a formadores e 8.992 a medios e material didáctico.

A Xunta de Goberno aprobou este programa, así como a solicitude dunha subvención para o mesmo ao Instituto Nacional de Administración Pública. Este Plan estrutúrase en sete áreas: seguridade e saúde, Banda Municipal de Música, ferramentas informáticas, xurídica, servizos sociais, policía local e idiomas.

No caso da seguridade e da saúde, haberá cursos de emerxencias con materias perigosas, prevención de riscos, prevención para o posto de traballo, control e manexo do estrés, escola do lombo e mobbing. A Banda Municipal terá un curso de interpretación musical. En canto ás ferramentas informáticas, traballarase en programas como o Powermap ou o AUPAC.

En materia xurídica, as materias serán: Lei de Contratos; xestión de calidade na Administración; xestión, inspección e recadación de tributos locais; licenzas urbanísticas, Lei do Solo e propiedade do solo. A Lei de Dependencia e a familia serán os principais eixes temáticos na área de servizos sociais, mentres que a Policía Local asistirá a cursos sobre procedemento sancionador en materia de tráfico ou sobre a operativa con estranxeiros. Finalmente, en materia de idiomas, realizaranse seminarios de inglés, de lingua e comunicación oral e de redacción de documentos administrativos.

Tamén en Persoal, aprobouse a contratación dunha asistencia técnica para o asesoramento en Prevención de Riscos Laborais, por un importe de 18.000 euros e ata xuño de 2008. Finalmente, acordouse a contratación para o ano 2008 do servizo de mantemento das aplicacións informáticas de xestión tributaria e recadatoria, padrón de habitantes e convocatorias electorais. O custo será de 28.641 euros.

Compartir: