MOCIDADE

Centos de mozas e mozos ovacionaron na Capitol ás bandas Sinestesia, Hyde Casino, Mito Escrito e Bronquitis Crónica

16/02/2008 A sala Capitol de Santiago acolleu o concerto de catro grupos locais, na noite do venres 15, organizado pola Concellería de Mocidade: Sinestesia, Hyde Casino, Mito Escrito e Bronquitis Crónica.

Foi unha "significativa representación" das actuais tendencias musicais: pop, rock and roll, hip-hop e funky-rock. Así o comentaba o edil de Mocidade, Xosé Baqueiro, que compartiu a velada cos integrantes dos grupos entre o público. Baqueiro subiu ao escenario, onde entregou diverso material promocional ás bandas para que dispoñan de credenciais profesionais, e micrófono en ristre animou aos novos talentos e mocidade en xeral a crear unha nova movida compostelá, "que sexa referencia en Galicia e mesmo en España". Tras baixar do escenario, lembrou con certa añoranza a súa etapa xuvenil co grupo musical Acuario, onde tocaba o baixo. Máis de medio cento de grupos usan os locais de ensaio actualmente, "algo impensable ata o de agora", segundo explica o concelleiro.

Estéticas e públicos diversos segundo as bandas e estilos nunha velada na que tamén interviu o locutor dos 40 Principales, Gaby Davila. Tras destacar que a idea da concellería de Mocidade é "unha proposta acertada, que pasa por boas presentacións que aquí (en referencia á sala Capitol) se conseguen", Davila avogou por ilusionarse con que xurdan grupos interesantes como Sinestesia, "aos que hai que vixiar de cerca". Engadiu como signo positivo que hoxe as tendas venden máis instrumentos ca nunca, e rexeitou que "só se aposte por grupos consolidados".

O técnico municipal de Educación Xosé Manuel Rodríguez estivo tamén no concerto, onde cualificou de "excelente" todas estas accións dirixidas á mocidade santiaguesa, coa posibilidade de "facer o que máis lles gusta: música". A nova movida compostelá está creada, só queda seguir promocionándoa.

Compartir: