PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nace unha nova empresa no marco de Equal Compostela Social

15/02/2008 O sábado 17 de febreiro inaugúrase, ás sete da tarde, Xocoátel, unha nova tenda especializada na venda de chocolate. Promovida pola compostelá Sandra Ishreid Barros, está situada na rúa Rosalía de Castro, n.º 3. Trátase da empresa número 63 que se pon en marcha ó abeiro do programa de iniciativa comunitaria Equal Compostela Social, que rematou as súas actividades o 31 de decembro do 2007, pero que segue dando os seus froitos coa constitución de novos proxectos empresariais.

Xocoátel dedicará a súa actividade a ofertar diferentes marcas e tipos de chocolates de alta calidade, tanto nacionais como internacionais, así como os seus derivados: cacao en po, bombóns, coberturas, chocolates de autor, etc. Tamén terá a disposición dos seus clientes variedades aptas para o consumo de diabéticos e celíacos.

Sandra Ishreid, con gran experiencia no sector hostaleiro e atención ao público, pretende cautivar á clientela compostelá mediante a innovación e exquisitez dos seus produtos, ofrecendo unha gran variedade de chocolates con diferentes texturas, sabores e formatos, todos de altísima calidade e que non están á venda noutros establecementos. Todo iso acompañado dun bo trato, unha coidada decoración e un ambiente agradable.

DeNde a súa creación, en novembro do 2005, a través de Equal Compostela Social constituíronse 63 empresas. 50 foron promovidas por mulleres e 13 por homes. O programa, que rematou as súas actividades o 31 de decembro do 2007, tivo como obxectivo fomentar o espírito empresarial e a creación de empresas por parte daqueles colectivos de persoas da comarca de Santiago que presentan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e que teñen vocación emprendedora. No programa participaron principalmente mulleres, persoas maiores de 45 anos, mozos sen cualificación, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retormados. Equal Compostela Social axudounos a desenvolverse profesionalmente dende o punto de vista do autoemprego.

Compartir: