CULTURA

A Concellería de Cultura e a Sala Yago asinan un convenio de colaboración

14/07/2005 A Concellería de Cultura e a Sala Yago veñen de asinar un convenio a través do cal o Concello de Santiago achegará 18.000 euros para colaborar na realización das actividades que se enmarcan nos programas Títeres no Yago, Títeres para a Escola, Teatro no Yago e Teatro para o ensino medio.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, explicou que a sinatura deste convenio se enmarca dentro da liña de actuación que segue o seu departamento, e que vai máis aló dunha mera "programación cultural".

Segundo destacou Rego, a Concellería de Cultura quere facer "política cultural", polo que ademais de programar, trátase de colaborar na divulgación, formación e promoción cultural na nosa cidade. Desde a idea de fomentar da potencialidade cultural de Compostela como cidade creadora, o concello non ten "a exclusividade cultural de Santiago", sinalou Rego, senón que "moitas entidades desenvolven no ámbito da cultura un traballo importante". O concelleiro de Cultura fixo tamén fincapé no feito de que a infancia sexa un referente na programación da Sala Yago.

Pola súa banda, Luma Gómez, en representación da Sala Yago, quixo felicitar ao Concello pola súa "sensibilidade" con respecto ao apoio ás salas, o que axuda a estabilizar "a multiplicidade de espazos", que, na súa opinión, é no que se basea a "estrutura cultural de Santiago".

Compartir: