ALCALDÍA

O alcalde define cos veciños das Cancelas o futuro do barrio

14/02/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse en Raxoi coa xunta directiva da Asociación Veciñal As Cancelas. Durante a xuntanza tratáronse temas como a construción no barrio dun local social, dunha pista deportiva e dunha área recreativa con miradoiro. Todos estes asuntos xa figuraban nas previsións do Concello, que só está pendente de decidir a ubicación destes equipamentos.

Tamén se definiron aspectos relacionados coas obras que están desenvolvéndose nesta zona, onde se están a construír as vivendas do SUP-4 e o centro comercial. En concreto o alcalde explicoulle á directiva a previsión de iluminación, sumidoiros e beirarrúas con que contará a zona e asegurou que tratará de cumprir a petición que fixeron os veciños para que respecte o camiño peonil que baixa do parque infantil cara o Camiño do Francés.

Por último, os veciños trasladáronlle ao rexedor compostelán unha proposta para encargarlle a un escultor do barrio unha obra inspirada na típica cancela galega (logotipo que identifica á asociación) para colocar na futura rotonda que se vai facer no cruce do campo de fútbol.

Compartir: