ALCALDÍA

O Museo do Pobo Galego será galardoado coa máis alta distinción municipal

14/02/2008 A Igrexa de San Domingos de Bonaval será o escenario onde o presidente do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, recollerá a Medalla de Ouro da Cidade ao Mérito Cultural coa que o Concello de Santiago, a proposta do alcalde compostelán, decidiu distinguir a esta institución. O acto, que terá lugar o venres 15 a partir das 19.30 horas, estará presidido polo ministro de Cultura, César Antonio Molina.

Ademais do ministro, o alcalde e a Corporación municipal, a acto contará coa presenza de numerosas personalidades do mundo da cultura compostelá e galega, entre eles os patronos e socios do Museo do Pobo Galego, representantes da Academia Galega de Belas Artes, da Real Academia Galega e dos museos de Galicia. O ámbito universitario tamén estará representado, na figura do reitor das USC, Senén Barro, ao igual que o empresarial e as administracións provincial, autonómica e central. Así mesmo, estarán presentes todos os que foron galardoados coa Medalla da Cidade de Santiago. A eles unirase a partir de mañá o Museo do Pobo Galego.

A proposta do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, logo de pasar polo Consello Asesor de Condecoracións, foi aprobada por unanimidade dos grupos municipais no Pleno da Corporación celebrado en novembro do ano pasado. A distinción quere ser un eminente recoñecemento ao Museo do Pobo Galego polos altos servizos e atencións prestadas nesta cidade.

O Museo recibirá a Medalla na súa modalidade de Mérito Cultural. Preténdese así recoñecer "os destacados merecementos que, no campo das Letras ou das Ciencias poidan contraer relevantes personalidades ou institucións españolas ou estranxeiras no interese da cidade".

No recoñecemento do Museo hai unha lembranza á celebración do trixésimo aniversario da súa inauguración o 29 de outubro e a aquelas persoas que fixeron posible o "soño de abrir un museo que recollese a identidade dos galegos". O seu papel para a recuperación da memoria colectiva, as salas permanentes, o labor investigador ou a calidade e cantidade dos seus fondos de arquivo, os servizos didácticos son algúns dos aspectos valorados na distinción. E entre os seus méritos destaca tamén o de "converterse nun referente indispensable da nosa cultura e o de conseguir unir a cultura popular coa elite intelectual e facela visible".

O alcalde estima que, con esta Medalla, "o Concello salda unha débeda que tiña contraída co Museo como institución". Así, cre chegado o momento de que a Corporación Municipal recoñecera expresamente os méritos dunha institución que "non se converteu nun concepto estático ou inamovible, senón nunha identidade en evolución que se constrúe e medra día a día, converténdose nun espazo de rexeneración cultural e que precisa do continuo apoio de todos para traballar nesta liña de recuperación das variadas imaxes e facianas de Galicia.

A Medalla de Ouro da Cidade é a máis alta disitnción que entrega o Concello de Santiago. A última, outorgada en 2005, recaeu no arquitecto portugués, Álvaro Siza.

Compartir: