TURISMO

Arrinca o Fórum Gastronómico Santiago'08 cun programa para todos os gustos

14/02/2008 Catas, degustacións, obradoiros de cociña ou o primeiro Concurso de Pulpeiras son algunhas das iniciativas que o Fórum Gastronómico Santiago ’08 ofrece. Durante cinco días o evento reunirá un total de 62 relatores procedentes de todo o Arco Atlántico, que participarán en máis de 65 sesións de cociña en directo e conferencias.

O Fórum Gastronómico Santiago’08 abre as portas o sábado 16 de febreiro, convertendo Compostela en capital culinaria de referencia para profesionais e amantes da gastronomía. Durante cinco días, o Palacio de Congresos e Exposicións será un fervedoiro de novas tendencias culinarias e reunirá a prestixiosos chefs nacionais e internacionais, entre os que hai máis de 30 estrelas Michelin.

Os números falan por si sós: un total de 62 relatores procedentes de todo o Arco Atlántico, dende España ata Dinamarca, pasando por Francia, Bélxica ou Brasil, que participarán en máis de 65 sesións de cociña en directo e conferencias. A eles súmanse os 5.000 metros cadrados do espazo feiral no que concorrerán preto de 150 empresas, produtores e distribuidores, e na que presentarán as últimas novidades e os seus produtos máis destacados aos profesionais do sector da cociña e dos viños.

Así, o Fórum converterase nun marco idóneo de encontro e de intercambio de ideas, ao redor do tema central das Cociñas do Atlántico, para os preto de 500 participantes xa inscritos. Mención especial merecen os máis de 30 bloggers acreditados, protagonistas dun espazo propio no Fórum. Xunto a eles, máis de 20 xornalistas, procedentes de diferentes países europeos cubrirán informativamente o evento, aos que se unirán 60 profesionais galegos da información e 24 españois.

Os co-directores do Fórum Gastronómico Santiago’08, Pep Palau e Jaume von Arend; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, presentaron esta o amplo programa de actividades previsto para a fin de semana, aberto ao público, e que acollerá espectáculos culinarios, degustacións de viños atlánticos, talleres e o I Concurso de Pulpeiras, que seguro satisfará a todos os gustos.

Un espazo para cada padal
O Palacio de Congresos converterase nun gran forno no que se cociñarán actividades para todos os gustos. No Auditorio Compostela grandes cociñeiros demostrarán sobre o escenario as súas habilidades nun magnífico espazo con capacidade para 450 persoas. A Aula Picadillo, cun aforamento de 80 persoas, será o espazo que cheire a cociña. Nela os máis destacados especialistas galegos protagonizarán sesións temáticas de cociña en directo que incluirán degustación. A Sala Ateneo estará reservada para as catas e conferencias. Sen esquecer a Aula de Nenos, onde os máis pequenos achegaranse ao mundo da cociña dun modo divertido. E ademais, o espazo feiral, no que preto de 150 empresas exporán os seus produtos, e o espazo InnoFórum, onde se coñecerán as apostas máis innovadoras.

PROGRAMA FÓRUM FIN DE SEMANA
Sábado, 16 febreiro: caza, lamprea, polbo e contos de cociña
Un dos colectivos de cociñeiros máis representativos de Catalunya, territorio invitado ao Fórum, Cuina Vallès, dará inicio ao programa de actividades. Carne de coello, xabaril ou cervo, serán algunha das delicias que preparán nunha xornada dedicada á cociña de caza. Será na Aula Picadillo (11 a 12 h). Nese mesmo espazo, o experto gastrónomo Flavio Morganti (restaurante Galileo, Pereiro de Aguiar, Ourense) presentará a súa última publicación, "Vacas, a súa dignificación sexual e gastronómica" (de 12.45 a 13.45 h). Pola tarde, na Aula Picadillo seguirase cociñando, esta vez da man da Asociación das Filloas da Pedra da Baña, que descubrirá todos os segredos desta preparación, raíña das mesas do Entroido en Galicia (16 a 17h). Despois, outra sorpresa para o padal, o Chef Rivera (restaurante Chef Rivera, Padrón) mostrará a mellor técnica para cociñar a lamprea. Para terminar, o cociñeiro Pedro Roca, experto micolóxico, ilustrará diferentes xeitos de preparar os cogomelos (19 a 20h). Todas estas sesións incluirán degustación.

No Auditorio Compostela, cociñarase á súa vez un amplo programa de demostracións culinarias sobre o escenario. As Cociñas do Camiño será a primeira destas xornadas, na que prestixiosos cociñeiros das diferentes comarcas que atravesa o Camiño de Santiago, elaborarán distintas receitas de cada etapa da ruta (de 12 a 14 h). Pola tarde, desenvólvese o I Concurso de Pulpeiras, que premiará ao profesional que mellor prepare o polbo á feira (16 a 17.15 h). Despois, o Grupo Nove, formado polos máis innovadores cociñeiros da Galicia actual, poranse aos fogóns, mentres que o grupo de circo PistaCatro actúa baixo as cordas (18 a 20 h).

Na Sala Ateneo, de 11.30 a 20.00 h sucederanse as catas de aceite de oliva, sidras, bagazos, viños brancos e conservas do mar, viños tintos e embutidos de porco celta.

Domingo, 17 de febreiro: O Camiño, algas, doces e cociña en miniatura
Toñi Vicente, posuidora dunha estrela Michelin, clausurará As Cociñas do Camiño, no Auditorio Compostela, de 12 a 14h. Despois, será espazo para as Cociñas do Mundo, coa xaponesa Megumi Shiozawa e Josep María Kao (16 a 17 h). Logo será escenario para a alta cociña en miniatura, onde Rodrigo Roza, primeiro premio no concurso nacional de Tapas, dará a coñecer algunhas das súas mellores receitas e o chef galego Marcelo Tejedor presentará a Cociña de xoguete (19 a 20h). Mofa e Befa pechará o programa do Auditorio Compostela (19 a 20 h).

A Aula Picadillo será espazo para gozar das fabas de Lourenzá, as alubias de Tolosa ou as mongetes catalás (11 a 12.30 h), das mellores receitas con algas do Atlántico (13 a 14 h), da máis saborosa repostería galega (16 a 17h) e para dar un repaso pola influencia da emigración a América na gastronomía (17.30 a 18.30 h).

A Sala Ateneo descubrirá un dos tesouros gastronómicos de Galiza: o requeixo (11.30 a 12.30 h), os segredos do chocolate (16 a 17h) e os mellores viños e queixos "made in Galicia" (17.30 a 18.30 h). Presentarase asemade Coas nosas mans, web gastronómica elaborada por alumnos da Facultade de Xornalismo de Santiago (13.15 a 14.15 h).

Compartir: