EDUCACIÓN E MOCIDADE

Uns 1.000 alumnos de secundaria participarán no programa "Sexibilízate"

14/02/2008 Escolares de 2º, 3º e 4º da ESO están a participar no programa de educación afectivo-sexual "Sexibilízate". O seu obxectivo: instaurar estes contidos dun xeito integral no sistema educativo, complementando o labor do profesorado a través de persoal especializado nesta materia.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e a coordinadora do programa, Sandra Rodríguez, presentaron esta campaña, de cuxa posta en marcha se encarga a empresa de intervención social Xeneme .Trátase, segundo apuntou a concelleira, de achegarlles aos rapaces "información clara, directa e adecuada á súa idade", así como "facerlles reflexionar".

O programa comprende, ademais da propia identidade corporativa da mesma, dúas propostas: obradoiros nos institutos e visitas organizadas ao Centro Quérote. Os obradoiros celébranse en sete IES: Xelmírez I, Xelmírez II, La Salle, Pontepedriña, Compostela, Antón Fraguas e Eduardo Pondal. Nos mesmos facilítase información clara e directa, trabállase na percepción da afectividade e incídese nas condutas de protección e saúde na vivencia positiva da sexualidade. Estes talleres pretenden dotar aos máis novos dun concepto integral de sexualidade. Nos obradoiros participan 756 alumnos.

Os alumnos tamén poden visitar o Centro Quérote, da Dirección Xeral de Xuventude, no que se presta asesoramento afectivo sexual á mocidade. Quérese xerar un .efecto bola de neve no coñecemento, uso e naturalización dos recursos sobre este tema especificamente creados para a xuventude. Ao final do programa "Sexibilízate", terán participado no mesmo uns 1.000 alumnos.

Compartir: