POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Política Lingüística promove nunha nova campaña o uso do galego nas relacións afectivas

13/02/2008 A Concellaría de Política Lingüística lanza unha campaña para promover o uso da lingua galega no ámbito das relacións afectivas e persoais. A iniciativa está dirixida a mozos e mozas, aos que se lles lembra que tamén se pode ligar en galego e que non hai porque cambiar de lingua á hora de facelo.

A titular da Concellería, Guadalupe Rodríguez lembrou que os estudos conclúen que existen moitos galegofalantes que cando se relacionan afectivamente pasan ao castelán. Por iso, animounos a rachar con esta costume. E para conciencialos disto, aproveitouse este San Valentín (14 de febreiro), por ser os mozos precisamente os que máis reparan na festa dos namorados. "Queremos achegar a lingua galega ao plano da afectividade, dos sentimentos", apuntou.

Esta campaña comprende a edición de mensaxes a través de varios formatos. Así, distribuiranse 10.000 exemplares de postais encartables cunha mensaxe misteriosa, "Hai alguén que quere coñecerte!", e con outra máis directa e de diversas interpretacións cando se desencarta "Lingua galega. Namórate" entre os alumnos de secundaria dos institutos composteláns e nos comercios de agasallos de Área Central.

As postais encartables acompáñanse de cadansúa tarxeta de felicitación co slogan "Namórame a lingua, namórasme ti", que os mozos e mozas poden usar para escribir unha dedicatoria ou facer un agasallo.

Ademais, para darlle máis difusión á campaña, editáronse dez grandes carteis para colocar nos mupis da cidade e mais en Área Central e xogouse con anuncios misteriosos en prensa escrita.

Nesta campaña colabora coa Concellería a coordinadora dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino secundario, que fará o reparto das postais entre o alumnado, e a xerencia do centro comercial Área Central.

Compartir: