ALCALDÍA

A Praza de Abastos, garantía de peixe fresco

12/02/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañou ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, na presentación da marca de calidade " PescadeRías, ¿de onde se non?" na Praza de Abastos. Este selo, que comezará a expedirse o 7 de marzo, certifica que os produtos que o leven foron capturados como máximo 24 horas antes da súa primeira venda.

Un dos obxectivos desta iniciativa é darlle valor engadido aos produtos da baixura de Galicia. Ademais, esta marca de calidade permitirá aos consumidores estar ben informados sobre o que levan á casa, axudando a evitar o fraude aos compradores. A Praza de Abastos de Santiago, un dos principais mercados de Galicia, será deste xeito toda unha garantía para os consumidores.

Baixo o selo "PescadeRías, de onde se non?" ampararanse aqueles recursos procedentes da pesca e do marisqueo frescos ou preparados, extraídos en augas da plataforma continental situada entre as liñas que marcan a desembocadura do río Miño e do Eo pola flota que sae e entra diariamente de porto, e que son capturados con artes selectivas. Os criterios que caracterizan a estes produtos son a orixe galega da pesca artesanal, un tempo de desembarco dende a captura non superior ás 24 horas e uns estándares de calidade.

Deste xeito, un total de noventa e nove recursos procedentes da baixura galega xa poden acollerse á certificación "PescadeRías, de onde se non?". Os grupos de especies amparados pola marca son: algas, moluscos, crustáceos, equinodermos e peixes, mentres que os usuarios dos recursos certificados polo distintivo son: lonxas, centros de depuración/expedición; cetarias e distribuidores de peixes e mariscos que teñan as súas instalacións ubicadas en territorio galego.

Estas instalacións deberán cumprir coas concesións, autorizacións, licenzas ou permisos que lles sexan de aplicación segundo as disposicións legais vixentes que regulan e afectan á súa actividade. Para isto, cada empresa deberá ter identificados todos os requisitos legais aplicables ás súas instalacións e á súa actividade; dispor dos permisos e licenzas establecidos pola lexislación; e atender ás inspeccións e rexistros necesarios que aseguren o cumprimento dos requisitos legais e das normas específicas do regulamento da marca.

Ademais, os usuarios do distintivo deberán garantir o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria que se lles aplique, en especial aquela referida á adecuación das prácticas e comportamentos do persoal na manipulación dos produtos, das condicións ambientais de manipulación (temperatura, limpeza ou desinfección) e das instalacións e equipos empregados.

Compartir: