TURISMO

O Fórum Gastronómico recoñece os produtos máis innovadores

12/02/2008 Dez empresas optan aos IV Premios InnoFórum que convoca Fórum Gastronómico Santiago’08, que se celebrará do 16 ao 20 de febreiro en Compostela. Os galardóns queren recoñecer o esforzo innovador das empresas dentro do sector da gastronomía.

O premio posúe tres categorías distintas: o recoñecemento ao produto de concepto máis innovador, ao mellor packaging/presentación e ao sabor máis innovador. En total, son 21 os produtos que optan aos premios, entre os que hai apostas tan renovadoras como a crema xeada de Torta de Santiago, o paté de olivas, a granita siciliana de amorodos do bosque, as angulas de trigo ou as galletas mariñeiras con leituga de mar.

Os membros do xurado, composto por relatores e cociñeiros da presente edición do Fórum Gastronómico, farán público o seu veredicto na cerimonia de entrega de premios, que terá lugar o día 19 de febreiro, ás 18:15 horas, no Auditorio Compostela do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Os produtos participantes estarán situados na zona Innofórum da feira, un espazo dotado de vitrinas nas que quedarán expostos durante todos os días de celebración do evento. A zona InnoFórum serve de punto de encontro entre congresistas, produtores e visitantes e ocupa 5.000 metros cadrados de espazo feiral.

Premios Picadillo
Ademais, o Fórum Gastronómico institúe este ano os premios Picadillo, nome tomado en honor a Manuel María Puga e Parga -coñecido co pseudónimo gastronómico de Picadillo- escritor e político galego de finais do século XIX que combinou o seu traballo na administración coa súa faceta xornalística no xornal coruñés El Noroeste, onde escribía sobre cociña, sendo a súa sección unha das máis lidas na prensa de entón.

Os premios, que inclúen cinco categorías diferentes, son un recoñecemento que fai a organización do Fórum Gastronómico Santiago’08 á traxectoria de profesionais de distintos ámbitos sempre vinculados á gastronomía. O labor na cociña e na sala, o traballo en favor dos viños e doutros produtos do territorio e a tarefa de difusión da gastronomía galega son os elementos nos que se basean os recoñecementos que se outorgarán no contexto da cea inaugural, que terá lugar o día 15 de febreiro no Pazo de San Lourenzo en Santiago de Compostela.

Compartir: