CULTURA

Cinco novos espectáculos de primeiro nivel da man de Teatro e Danza en Xira 2008

12/02/2008 Chega una nova edición de Teatro e Danza en Xira 2008 para traer ata Santiago algunhas das representacións máis destacada do panorama español e, este ano, tamén luso. Filomena Marturano, 13 rosas, O guía do Hermitage, Turismo Infinito e La Paz Perpetua forman o programa.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou esta programación, que cualificou como "sólida, potente e de calidade". Con estas cinco representacións, unidas a outros ciclos de danza e de teatro xa pechados, serán 33 as compañías que pasen por Compostela ao longo de 2008, no que realizarán 50 funcións. Na rolda de prensa tamén estivo Ana Salgado, da Fundación Caixa Galicia, e o xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez.

Os espectáculos comezan o 2 de marzo, no Auditorio de Galicia, coa función única dunha das obras de maior éxito dos últimos meses no panorama teatral español: Filomena Marturano, de Eduardo de Filippo. Concha Velasco encabeza o reparto desta obra, que mostra elementos de melodrama e tipos humanos nun ambiente tenro, entrañable e familiar. Conta. A través da historia dunha ex-prostituta trázase unha divertida e emocionante reflexión sobre o matrimonio e a maternidade.

Xa no mes de abril chega a versión teatral e coreográfica de 13 rosas, de actualidade pola súa versión cinematográfica. A Compañía Arrieritos reune un amplo elenco para facer a súa particular homenaxe a todas as vítimas inocentes da Guerra Civil e de tantas guerras e tantas situacións nas que o ser humano é aniquilado sen xustificación algunha.

É a ocasión para lembrar de novo aquela madrugada do 5 de agosto de 1939, na que máis de sesenta rapaces foron fusilados contra as tapias do madrileño cemiterio do este. Foron culpados dun atentado contra un comandante da Garda Civil, pero o seu único delito fora pertencer ás xuventudes socialistas unificadas. Entre os fusilados había trece mulleres.

Dirixidas musicalmente por Héctor González, trece creadoras transitan polas emocións, polos medos, polas incertezas, polas carencias e polos afectos cos que conviviron as protagonistas desta terrible historia. As dúas representacións terán lugar no Auditorio de Galicia os días 11 e 12 de abril.

Federico Luppi, teatro luso e o último do Centro Dramático Nacional
Federico Luppi pisará as táboas do Teatro Principal os días 13 e 14 de xuño coa obra O guía do Hermitage, de Herbert Morote. Jorge Eines dirixe esta función, que nos sitúa antes de que os alemáns completasen o cerco de Leningrado, cando o goberno soviético logrou enviar aos Urais todas as obras de arte do Museo do Hermitage. Un guía dese museo vello e enfermo decidiu continuar as visitas guiadas e explicar os cadros que non estaban con tal paixón e destreza que os visitantes acababan por velos, aprecialos e comentalos.

Ana Labordeta e Manuel Callau completan o reparto desta obra, na que a música está baseada na sinfonía que o ruso Dimitri Shostakovich compuxo durante o asedio da cidade, que durou 900 días.

O cuarto dos espectáculos chegará os días 12 e 13 de setembro ao Auditorio, nesta ocasión cunha compañía de Portugal, oTeatro Nacional de São João. Representarán en Compostela Turismo infinito, de António M. Feijó, a partir de textos de Fernando Pessoa e de Ofélia Queiros.

A función organízase en bloques de textos que afondan no mundo de Pessoa e do seu diálogo interior. Toma a dous seus principais personaxes, Bernardo Soares e Álvaro de Campos para conducir a historia xunto con Caeiro, Ofélia Queiros e o propio Pessoa.

E para rematar esta edición de Teatro e Danza en Xira, o 28 eo 29 de novembro, o Centro Dramático Nacional e Teatro de La Abadía representan La paz perpetua, de Juan Mayorga, unha obra aínda en preparación.

Nun lugar secreto, un rottweiler, un doberman e un pastor alemán compiten para acadar o cobizado colar branco e con el a distinción de can antiterrorista de elite. A través de sucesivas probas ás que son sometidos, transcende un dos máis estimulantes dilemas éticos da vida política e social de hoxe. Unha aterradora metáfora do reino animal.

As entradas para todos estes espectáculos xa están á venda a través de Caixa Galicia. As catro representacións do Auditorio teñen un prezo de 12 euros, cos pertinentes descontos para estudantes, xubilados e posuidores do Carné Xove. No Teatro Principal as entradas van dos 12 aos 6 euros.

Documentos relacionados



Compartir: