ALCALDÍA

Os directores dos Institutos Cervantes visitan o Concello

14/07/2005 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo entrega ao Instituto Cervantes de Atenas, que nomeará a unha das súas Aulas "Santiago de Compostela", dunha fotografía orixinal de Tino Viz.

Durante a recepción, César Antonio Molina, director xeral do Instituto Cervantes, que pasou algúns anos de estudante en Santiago de Compostela, amosou o seu apoio en representación do Instituto Cervantes a "calquera actividade relacionada con Santiago". Pola súa banda, o alcalde compostelán amosou a súa confianza en que o Instituto Cervantes sexa cada vez máis un "elemento de referencia en todo o mundo da cultura dunha España plural".

O Instituto Cervantes de Atenas inaugurará proximamente unha das súas novas aulas co nome de Santiago de Compostela. Cada unha das aulas da sede do Instituto Cervantes na capital grega levará o nome dunha cidade española que teña homónimas en América.

Con este motivo, o Concello fixo entrega hoxe, xoves 14 de xullo, ao director desta institución, Pedro Bádenas de la Peña, ao alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo. no transcurso da recepción que ofreceu no Pazo de Raxoi ás 20.00 horas aos directores dos Institutos Cervantes de todo o mundo, dunha fotografía orixinal para ser exposta na devandita aula da sede do Instituto en Atenas.

Concretamente, o Concello regalou unha das fotografías orixinais do calendario municipal do ano 2004, realizada polo fotógrafo Tino Viz. Trátase dunha fotomontaxe na que nun segundo plano aparece a Catedral de Santiago difuminada tras a auga que esvara pola fiestra dun coche mentres que o primeiro plano está ocupado por un fragmento da Porta Santa: unha cruz labrada na pedra na que os peregrinos pousan as súas mans molladas. "Auga, bendita auga", é o título que tiña pensado o seu autor para esta obra que no calendario municipal aparece como "Sen título".

Os directores dos 43 centros que o Instituto Cervantes ten espallados por todo o mundo manteñen desde o pasado martes, 12 de xullo, unha xuntanza presidida polo seu director xeral, César Antonio Molina, co fin de analizar as políticas e liñas de actuación para a difusión da cultura dos países hispanofalantes.

Compartir: