EDUCACIÓN

Uns 3.000 alumnos participarán nun novo ciclo de concertos didácticos e teatro

12/02/2008 A Concellaría de Educación e a Obra Social e Cultural de Ibercaja poñen en marcha un novo ciclo de concertos didácticos e de teatro para escolares. Participarán arredor de 3.000 alumnos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP.

Neste curso poñeranse en marcha dous programas relacionados co teatro e coa música: o espectáculo musical Érase unha voz... a Historia, a cargo do grupo de voces B Vocal, entre o 3 e o 5 de marzo, e a obra de teatro infantil Érase unha vez no espazo, da compañía de monicreques Sol y Tierra, os días 28, 29 e 30 de abril. Ambos programas realizaranse no Teatro Principal.

Estes espectáculos teñen a finalidade de desenvolver as capacidades estéticas de nenos e mozos e crear unha afección neles que cara estas artes, co obxectivo de que a mesma se vaia enriquecendo ao longo da súa vida. Estas iniciativas complementan dunha maneira amena e con programas de calidade as ensinanzas que reciben nos centros académicos. Así, as representacións complementaranse con traballo na aula.

A historia da música en clave de humor
En Érase unha voz... a Historia e da man da compañía B Vocal, os mozos espectadores introduciranse na historia da música en clave de humor. O espectáculo desenvólvese dunha maneira viva e estimulante percorrendo os diferentes xéneros líricos, partindo música medieval ata os últimos éxitos do pop contemporáneo.

Este grupo de voces está formado por cinco mozos de recoñecida experiencia musical en diferentes estilos. O seu repertorio é moi amplo e interpretan dende partituras renacentistas ata versións de bandas sonoras, clásicos do pop, espirituais negros, cancións de sempre e temas populares ou propios.

Os destinatarios desta proposta musical son os alumnos de 3º ciclo de primaria, ESO, Bacharelato, Formación Profesional de Grao Medio e Superior e Programas de Garantía Social. As sesións terán lugar ás 10:30 e ás 12 horas entre o 3 e o 5 de marzo. Ademais das sesións para escolares, B Vocal ofrecerá o 4 de marzo, ás 18:30 horas, un concerto de balde para todos os públicos.

O sistema planetario levado ao teatro
Pola outra parte, Érase una vez en el espacio, da compañía Títeres Sol y Tierra, conta a historia dun sistema planetario no que xiran tres planetas: Kemarte, o máis próximo ao Sol; Buenclimas, e Joquefrión, o planeta xeado. Os habitantes de Kemarte e Joquefrión nunca se aproxima a Buenclimas, debido aos horribles ruxidos dun terrorífico monstro que habita nese planeta, do cal se contan inquedantes lendas. Pero finalmente vencerán a súa resistencia e reuniranse, dando lugar a divertidas situacións.

Títeres Sol y Tierra naceu en Madrid en 1982, e está dirixida por María José de la Rosa e Víctor Torre. Dende aquel ano, levan presentando obras en máis de 3.500 espazos diferentes, e participado en máis de 100 festivais dentro e fóra das nosas fronteiras.

Os destinatarios desta proposta teatral son os alumnos de educación infantil e primaria (de 5 a 11 anos). As funcións realizaranse os días 28, 29 e 30 de abril, ás 10:30 e ás 12:00 horas.

Esta programación didáctica foi presentada pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, acompañada do director de Ibercaja en Santiago, Javier Ferro.

Compartir: