URBANISMO

Visto bo á concesión de máis de 400 licenzas en Pontepedriña

11/02/2008 A Xunta de Goberno aprobou a concesión de licenzas para a construción de 411 novas vivendas no SUP-7 de Pontepedriña. Deste xeito pode comezar a realización da maior parte dos inmobles previstos para este solo residencial.

Este solo urbanizable dispón de máis de 82.000 metros cadrados, onde se construirán preto de 650 vivendas, das que ata un 75% serán vivendas protexidas (incluídas 64 vivendas sociais) ou autonómica, e o resto de prezo libre taxado.

Este mesmo SUP foi protagonista do último Pleno municipal ordinario, no que se aprobaron definitivamente pequenas modificacións no Plan Parcial de Pontepedriña. Os pequenos cambios afectaban á composición volumétrica e estética das edificacións proxectadas.

Novo vieiro de conexión
Tamén en materia de Urbanismo, aprobouse a prolongación da recentemente bautizada avenida da Liberdade, conectándoa co SUNP-22. Así, xurdirá un novo vieiro de conexión entre o solo urbanizable programado número 6 (SUP-6) de Santa Marta, e o solo urbanizable non programado número 22 (SUNP-22) de Castro de Abaixo, ambos en execución nestes intres.

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto reformado de obras de urbanización do solo urbanizable número 13 (SUNP-13), na carretera da Estrada. As modificacións introducidas fan referencia ao nó de enlace entre os sectores SUNP-12 e SUNP-13 baixo a estrada nacional Santiago-Ourense e a variacións no deseño das infraestruturas de abastecemento e saneamento.

Compartir: