PROMOCIÓN ECONÓMICA

Máis de 1,3 millóns de euros para o proxecto Persoa IV e para o Plan de Acción Local polo Emprego

11/02/2008 O Goberno local aprobou os proxectos Persoa IV e o Plan de Acción Local polo Emprego 2008-2009. O primeiro ten un orzamento total de 720.000 euros e o segundo de 600.00 euros. Dáse así continuidade a dúas iniciativas que funcionaron con éxito en pasadas edicións.

No caso do proxecto Persoa IV, acordouse tamén solicitar unha subvención de 576.00 euros para afrontar o seu orzamento. Para o Plan de Acción Local polo Emprego, a axuda solicitada ascende a 480.000 euros.

O Proxecto Persoa ten como obxectivo promover a integración laboral de colectivos con dificultades para acceder ao mercado de traballo (mulleres, mozos en emprego anterior, desempregados maiores de 45 anos, emigrantes retornados, etc.) a través da súa participación nun proceso integral de inserción. Os usuarios reciben formación, realizan prácticas en empresas e son apoiados ao longo do proceso de inserción no mercado laboral. Ademais, incídese en ámbitos de traballo de especial interese para a sociedade, como pode ser a atención a persoas maiores ou dependentes.

Pola súa parte, o Plan de Acción Local polo Emprego é o marco que recolle as políticas de emprego e promoción económica que se desenvolverán no municipio. O seu principal obxectivo é reducir as taxas de paro en Santiago, traballando dun xeito conxunto e coordinado na concertación de políticas e accións que permitan facer de Compostela unha cidade punteira e de referencia na creación de emprego.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a concorrencia do Concello á convocatoria de axudas do Fondo Social Europeo (período 2007-2013) para proxectos que fomenten pactos, redes, asociacións e apoio ás iniciativas locais para o emprego e a inclusión social.

Contratación de desempregados
Finalmente, acordouse solicitar á Consellería de Traballo unha subvención para a contratación no exercicio 2008 de 168 traballadores e traballadoras desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral en varios departamentos municipais. A Consellería faise cargo do salario e o Concello dos gastos derivados da finalización do contrato.

O tipo de obras e servizos aos que se da preferencia son os que resultan de maior interese xeral e social; os que permitan a creación permanente de maior número de postos de traballo; e os que favorezan a formación e a práctica profesional das/dos traballadoras/es con maiores dificultades de inserción. Priorizaráse a contratación de mulleres, maiores de 45 anos e mozos en busca do seu primeiro emprego.

Compartir: