BENESTAR SOCIAL

Un equipo de inclusión sociolaboral atenderá a persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo

11/02/2008 A Xunta de Goberno deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para a contratación e posta en funcionamento dun equipo de inclusión sociolaboral. O convenio, asinado en xaneiro, está incluído no II Plan Galego de Inclusión social e supón un investimento de 133.320 euros.

Este equipo de inclusión sociolaboral prestará atención a persoas que se atopan en situación ou grave risco de exclusión social e con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo. As actuacións concretaranse a través de diversos servizos, prestacións e accións de orientación, formación e emprego.

A Concellería de Benestar Social tamén solicitou unha axuda de 12.900 euros para financiar as actividades para o ano 2008 do Plan de Voluntariado. Grazas a este proxecto trabállase en ámbitos como a promoción da cultura da solidariedade, a formación ou o seguimento da acción voluntaria.

Tamén no ámbito do Benestar Social, o Goberno local acordou a prórroga do contrato de servizo de atención domiciliaria da infancia, subscrito coa empresa CLECE, por un ano a contar desde o 16 de marzo de 2008, así como a revisión do prezo de adxudicación segundo o IPC. Deste xeito, o importe do contrato queda en 83.295 euros.

Compartir: