TRANSPORTES

Actualización de prezos nos aparcadoiros públicos e no mercado de Amio

11/02/2008 Os prezos dos aparcadoiros públicos actualízanse de acordo ao incremento do Índice de Prezos ao Consumo (4,20%). O cambio de tarifas afecta aos estacionamentos de San Clemente, Hórreo, San Caetano, Praza de Vigo, Praza de Galicia, Romero Donallo, Ponte Castro-A Rosa e Praza Roxa.

O incremento do 4,20% ten dúas excepcións. Por un lado, a suba no aparcadoiro da praza de Galicia alcanza o 12,47%. A razón disto é que neste estacionamento os prezos non se actualizaban dende o 2004. No caso da praza de Vigo, o incremento é menor que o IPC, en concreto o 3,15%, porque o contrato deste aparcadoiro establece unha variación de prezos anual do 75% do IPC.

No aparcadoiro da praza de Galicia, a modo de exemplo, o prezo por media hora sitúase nos 0,80 euros e o dunha hora en 1,50 euros. Dúas horas custarán 2,60 euros. No caso do da praza de Vigo, por estas mesmas fraccións horarias, as tarifas son: 0,80, 1,45 e 2,50 euros, respectivamente.

O prezo de media hora de estacionamento na Praza Roxa queda en 1,05 euros, polos 1,95 da hora e os 3,60 euros das dúas horas. En Romero Donallo sitúanse, respectivamente en 1 euro, 1,70 euros e 3,05 euros, mentres que na Rosa-Ponte Castro, quedan en 0,90, 1,60 e 2,90 euros. O aparcadoiro do Hórreo custa 0,90, 1,65 e 2,95 euros; o de San Caetano 1, 1,65 e 3 euros e, finalmente, o de San Clemente 1,04, 1,70 e 3,05 euros. Cómpre lembrar que en todos estes aparcadoiros se aplica a tarificación por minutos.

Novas tarifas en Amio
A Xunta de Goberno tamén aprobou os novos prezos do Mercado de Gando de Amio, de acordo á subida do IPC. Así, actualízanse tarifas para a entrada de gando, gaiolas e amarres, estanzas no mercado, eliminación de cadáveres, estacionamento e desinfección, lavado e encamado, entre outros servizos.

Compartir: