EIXO ATLÁNTICO

Santiago anima aos membros do Eixo Atlántico a aproveitar o seu novo potencial

08/02/2008 O concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, acudiu á XXV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que se celebrou no Pazo de Castrelos de Vigo. Como representante da cidade de Compostela, Fariña fixo unha exposición das novas potencialidades coas que conta o Eixo dos 34, e animou aos representantes das cidades membro a consolidar a súa posición territorial a través de iniciativas relevantes no plano laboral, nos transportes, nas infraestruturas, na cultura e no deporte.

A reunión, que foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, contou coa presenza de representantes de tódalas cidades membro, sendo a primeira vez que representantes das 34 cidades asisten a unha asemblea xeral do Eixo Atlántico. Así mesmo, participaron na reunión as principais institucións e axentes económicos e sociais de Galicia e do Norte de Portugal.

Coa incorporación das seis novas cidades (Sarria, Riveira e Carballiño –da parte galega- e Penafiel, Lamego e Macedo de Cavaleiros –da parte portuguesa) o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, cun orzamento para este ano de 2,9 millóns de euros e con máis da metade da poboación do territorio, converterase no sistema urbano transfronteirizo máis forte de Europa.

Durante a Asemblea foi presentado o programa de actuacións previstas para o ano 2008 que, entre outras, recolle as seguintes inicitivas:

- o reforzamento da interlocución coa Comisión Europea e da presencia do Eixo Atlántico en Europa a través da creación da EUROMOT na localidade francesa de Lille en novembro de 2007, da cal ademais de fundadores, o Eixo Atlántico ostenta a presidencia do Bureau Político e do Bureau Executivo. Esta institución constitúe a primeira rede europea de entidades transfronteirizas de proximidade.

- a elaboración dun Plan de transportes intermodal que constituirá un documento de carácter estratéxico, inserido nas orientacións da Comisión Europea, que integre o Mapa de Infraestructuras,a estratexia de intermodalidade e as directrices de ordenamento do territorio, actualizando a realidade do 2008 e cunha vixencia estimada ata 2012.

- a creación do Sistema Transfronteirizo de Información Urbana do Eixo Atlántico que ten como principal finalidade a elaboración dun informe anual sobre competitividade e cohesión das cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión

- a posta en marcha dunha Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, experiencia innovadora que segue o modelo que funciona en Barcelona, único existente na actualidade en toda Europa; así como o desenvolvemento do Programa PISU (Plano Integral de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico) en coordenación coa Axencia de Ecología Urbana de Barcelona.

Na reunión tamén foron analizados o informe de xestión e o informe económico do exercicio anterior. No que se refere a parte estructural, no último ano levouse a cabo unha ampliación longamente dilatada no tempo, que recoñeceu a existencia dun segundo cinturón do Sistema Urbano. A ampliación de 16 novos membros non só evidencia a boa saúde e prestixio da asociación trransfronteiriza senón o reforzamento da súa presenza institucional e unha maior independencia económica.

No ámbito estratéxico reforzouse notablemente a vertente de organización de servizos, vocacionada cara o desenvolvemento e a innovación do sistema urbano, mediante a coordinación coas directrices da Comisión Europea do novo período de Programación de Fondos Comunitarios.

Neste contexto, a adhesión de Verín, permitiu impulsar unha das fórmulas máis innnovadoras e, probablemente, con máis futuro no ámbito da cooperación de segunda xeración: a Eurocidade Chaves-Verín.

Compartir: