TURISMO

O Fórum Gastronómico publica o primeiro código de regulación para blogs gastronómicos

08/02/2008 Baixo o nome de Código Cociña xa se pode consultar na rede o manual de boas prácticas á hora de crear e xestionar a través de internet un blog de tema gastronómico.

Esta iniciativa vén cubrir unha importante carencia en todo o relacionado coa publicación, cada vez máis numerosa, de blogs temáticos que xiran en torno ao mundo da cociña e do viño. Aínda que o Código Cociña discutirase e se presentará publicamente no marco do Primeiro Encontro de Bloggers do Fórum Santiago’08, este decálogo de referencia para os bloggers especializados no mundo da gastronomía xa está dispoñible na rede (www.codigococina.org).

Nun momento en que os blogs convertéronse nun referente para os amantes da enogastronomía e moitos destes utilízanos para consultar e decidir onde van, que fan, que compran ou para coñecer a actualidade neste sector, a responsabilidade de escritores, creadores e editores de blogs é cada vez maior sobre a mensaxe que comunican e a súa repercusión en consumidores e produtores.

É por ese motivo que un grupo de autores de blogs de contidos enogastronómicos (Manuel Gago, coa colaboración de Soledad Felloza, Jorge Guitián e Miguel Vila) elaboraron un código co obxectivo de publicar un contido de calidade, fiable e crible, nas súas blogs e webs sociais. E maniféstano publicamente compartindo entre todos uns principios básicos de autorregulación que aplican na elaboración dos seus contidos, que respectan a independencia e a liberdade creativa de calquera blog e ao que se pode engadir calquera blogger.

Principios do Código Cociña
Diferenciar claramente a información da opinión en calquera contido, rexeitar a publicación de inxurias e calumnias a terceiros, indicar se a información provén do promotor ou propietario, se se obtivo algún beneficio ou se existe unha relación familiar ou de amizade cos responsables ou propietarios dos produtos e servizos dos que se falan son algúns dos principios do Código Cociña.

Calquera blogger pode difundir o Código Cociña a través do seu sitio web (só é necesario incluír o logotipo e o enlace ao sitio web www.codigococina.org).

Compartir: