EMPREGO

Máis de cen usuarios do Crear IV accederon ao mercado laboral no medio ano que leva funcionando o proxecto

07/02/2008 Un total de 101 usuarios do Proxecto Crear IV accedeu xa ao mercado laboral desde que comezou o programa, en xuño do 2007. Esta cifra representa un 50,5% do total de participantes, máis de dez puntos por enriba do 40% fixado como obxectivo pola Xunta de Galicia. Das 101 persoas inseridas laboralmente 67 son mulleres e 38 homes. Outros 26 participantes no programa (19 mulleres e 7 homes) están realizando prácticas profesionais nalgunha das 93 empresas visitadas ata o momento. Ademais, no marco do Crear IV, programáronse 23 actividades formativas cunha duración de 504 horas lectivas.

No programa participan 200 desempregados: 132 (o 66%) son mulleres, e 68 (o 34%), son homes. Está previsto que o Crear IV remate o 31 de marzo do 2008. O seu obxectivo é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción. Desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, o proxecto ten un custe total de 420.000 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Os obxectivos fixados pola Xunta de Galicia son de 80 insercións laborais, é dicir, o 40% dos usuarios. Unha porcentaxe superada amplamente na anterior edición do Crear, o Crear III, no que participaron 100 desempregadas/os, e que posibilitou o acceso ao mercado laboral de 58 persoas (31 mulleres e 27 homes), o 58% do total. Ademais, a través do Crear III visitáronse 88 empresas e programáronse 15 accións formativas abertas a todas/os as/os beneficiarias/os.

As persoas que participan no Proxecto Crear reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción. Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías personalizadas, onde os usuarios van perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Unha vez concretado este plan, no que se definen os perfís profesionais dos participantes, nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarios que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfís dos demandantes. A cuarta e última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron inserirse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Compartir: