ALCALDÍA

O mar a través da visión surrealista de Urbano Lugrís

06/02/2008 O alcalde de Santiago presidiu o acto de inauguración da exposición Textura de mar, de Urbano Lugrís Vadillo. Esta mostra encádrase no ciclo de exposicións individuais dedicado a artistas surrealistas a nivel internacional organizado pola Fundación Granell.

A mostra, que ocupa todo o primeiro andar da sede da Fundación Granell, conta con 68 óleos sobre táboa de grande, mediano e pequeno formato. Neles o espectador pode establecer coas pezas un dos mecanismos fundamentais no desenvolvemento da obra recente de Urbano Lugrís: os xogos de escala.

Nesta exposición, o autor descubre no mar, sempre presente na súa vida, tanto o escenario, a base das súas composicións, como a textura para a realización dos seus soños fantásticos de infancia: os seus soños surrealistas de adulto.

O mar é entendido nun sentido amplo, como espazo libre, sen fronteiras, espazo estable e indeterminado. Así, o mar é para o autor tanto o océano como o mar da meseta castelá, á que Lugrís está fortemente vencellado. Funciona como motivo contedor de formas e fiaños de vivencias do subconsciente.

A nivel compositivo, o espazo onírico na obra recente do autor materialízase unhas veces por medio da monumentalidade das figuras, outras veces a través de masas líquidas ou gaseosas, e outras a prol de desenvolvementos arquitectónicos de diferente índole despregados na súa praxe pictórica. O interese pola arquitectura é unha constante en toda a súa produción plástica.

Ademais do alcalde, o acto contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, ademais do artista.

Compartir: