COMERCIO

Aberta a preinscrición para participar na segunda feira de saldos Compostela Outlet

06/02/2008 A Concellaría de Promoción Económica e Comercio organiza a II Feira do Comercio polo miudo que se celebrará no recinto de Amio baixo o lema Marzo, mes do Comercio. A información sobre o evento e as condicións de participación, que se está repartindo entre os estabelecementos composteláns, pode consultarse na web www.maiscompostela.org.

Está aberto o prazo de preinscrición para participar en Compostela Outlet. II Feira do Comercio polo miudo. Por iso estanse a repartir entre os estabelecementos da cidade folletos informativos coas condicións requeridas para formalizar a preinscrición, co obxectivo de facilitar a participación do comercio compostelán. Esta é a segunda feira de saldos que se desenvolve en Santiago. Pola primeira, celebrada o ano pasado no recinto feiral de Amio, pasaron 15.624 persoas.

Esta feira ten o obxectivo de axudar aos establecementos de venda polo miudo a liberar as existencias de temporada. Na feira de saldos pode inscribirse calquera comercio polo miúdo con sede social e/ou razón comercial en Santiago, exceptuando os establecementos de alimentación. A adxudicación de postos aos expositores realizarase por rigorosa orde de entrada da preinscición no Rexistro Xeral do Concello, situado na Rúa Presidente Salvador Allende número 4.

A participación está limitada ao número de postos resultantes do proxecto organizativo, de deseño e acondicionamento do recinto feiral presentado polo entidade que resulte adxudicataria da organización do evento. A Xunta de Goberno Local aprobou o 4 de febreiro a apertura do procedemento aberto mediante concurso para a adxudicación do contrato de organización do Compostela Outlet do 2008, que conta cun orzamento de 32.000 euros.

Compartir: