FESTAS

Medio cento de colectivos encherán as rúas de de música e cor no martes de Antroido

04/02/2008 Chega o momento de saír á rúa cos grandes deseños de Antroido que moitos composteláns levan preparando durante meses. No gran desfile do martes de Antroido, 30 comparsas, oito carrozas e centos de disfraces (de grupo, parella e individuais) percorrerán a cidade cos seus bailes e cantigas durante toda a tarde do martes 5. Ademais de vivir a ledicia do Antroido, os participantes poderán gañar atractivos premios en metálico.

O xurado do desfile estará formado polo concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, en función de presidente; dous membros da Comisión da Área Social do Concello; un representante da Asociación de Prensa; un representante da Escola de Artes Aplicadas Mestre Mateo; un representante da Universidade; dous representantes do movemento veciñal e outro do movemento cultural da cidade; e un representante do Museo do Pobo Galego. Unha vez que deliberen (segundo o deseño e creatividade das carrozas, disfraces e a caracterización dos seus membros) comunicarán a súa decisión no Paseo Central da Alameda ás 21:00 horas.

O plan da xornada será o seguinte: a concentración das carrozas realizarase na estación de Renfe ás 16:30 horas e de aí, con todo xa preparado, desfilarán por diferentes rúas do Ensanche: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I. Para amenizar a espera da decisión do xurado, os participantes e o resto da xente poderán gozar coa actuación da orquestra-atracción Lamas.

A noite das máscaras
Despois do éxito acadado no festival infantil de disfraces cunha ampla participación (90 nenos en categoría individual, 19 en parella e 8 en grupo), a cita do luns 4 invitaba a todos os maiores a enfundarse a máscara e dirixirse á Sala Capitol para pasar unha velada chea de ritmo e diversión a cargo da orquestra Cunter’s. A entrada era de balde, previa recollida da invitación no Teatro Principal, pero todos os asistentes debían ir disfrazados.

Compartir: