PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica prepara as novas edicións de Outlet Compostela e da Gala do Comercio

04/02/2008 O Goberno local aprobou o orzamento para a contratación do servizo que organizará unha nova edición de Outlet Compostela, así como o inicio do programa da III Gala do Comercio "Compostela Capital de Compras".

No caso de Outlet Compostela 2008, o orzamento previsto para a organización é de 32.000 euros. Prepararase así unha nova edición dunha feira de saldos que en 2007 congregou a máis de 15.000 persoas no recinto feiral de Amio.

A III Gala do Comercio "Compostela Capital de Compras" celebrarase o 10 de abril de 2008. Este evento tense convertido nun punto de encontro anual para os distintos axentes e operadores comerciais da cidade. O núcleo central da gala é a homenaxe a cinco establecementos comerciais da cidade pola súa traxectoria comercial e profesional. O orzamento global do programa será de 37.495 euros.

66.500 euros para o Proxecto Inserta
A Dirección Xeral de Cooperación Local do Ministerio de Administracións Públicas concedeu unha subvención de 66.500 euros para a posta en marcha do proxecto Compostela Inserta. O orzamento total deste programa é de 95.000 euros.

O Proxecto Inserta ten como obxecto promover a integración laboral e a igualdade de oportunidades de quince desempregados pertencentes ao colectivo de excluídos ou de moi difícil inserción. Realizarase mediante a súa incorporación a un itinerario de inserción que contempla a formación ocupacional e a práctica laboral no mantemento de xardíns e no tratamento de residuos vexetais.

Rede de Cooperación Local
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou as actividades da Rede de Cooperación Local para o ano 2008, cun orzamento de 30.000 euros. Entre as accións previstas prevense algunhas de mellora da cualificación do empresariado local, de coñecemento entre Universidade e empresas ou de difusión dos estudos sobre o tecido industrial da cidade.

Compartir: