CULTURA

A cociña e a cultura, unidas no Fórum Gastronómico

04/02/2008 Ademais das actividades propiamente gastronómicas, o Fórum Gastronómico terá un "aperitivo" en forma de programación cultural. Será do 4 ao 16 de febreiro cun ciclo de cinema, con teatro e con cabaré.

A programación cultural do Fórum comeza cun Ciclo de Cinema e Gastronomía, que se celebrará do 4 ao 10 de febreiro, con dous filmes diarios. Proxectaranse as películas La grande bouffe, de Marco Ferreri; O festín de Babette, de Gabriel Axel; O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e o seu amante, de Peter Greenaway; Mondovino, de Jonathan Nossiter; Deliciosa Martha, de Sandra Nettelbeck; e Vatel, de Roland Joffé. O prezo por película é de 3 euros e o abono para os seis filmes custa 12 euros.

Logo do cine, do 11 ao 13 de febreiro, o Teatro Principal acollerá, ás 21:00 horas, Cociña para chapantes. Esta representación de Mofa e Befa recompila tres dos números máis reclamados polo público deste dúo: Cociña Económica, Cociña Caníbal e Cociña Kakofónica. Os prezos van dos 3 aos 7 euros.

E para rematar con esta programación, Ultranoite Gastronómica na Sala Nasa. Do 14 ao 16 de febreiro, tempo para un cabaré especial que terá maxia, malabares, cancións monólogos ou vídeo. E unha sorpresa final, unha particular letra gastronómica para o himno español.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentaron esta programación cultural, acompañados de Xesús Ron, da Sala Nasa, e de Víctor Mosqueira, de Mofa e Befa.

Máis de 200 cociñeiros inscritos
Iglesias aproveitou esta presentación para ofrecer algúns datos sobre o Fórum. Ata o 2 de febreiro inscribíranse xa 217 cociñeiros, dos que 52 son de Santiago e 109 do total de Galicia. Hai presenza do resto de comunidades autónomas, e tamén internacional, con cociñeiros de Portugal, Brasil ou Estados Unidos. A previsión é que finalmente se superen os 400 cociñeiros inscritos. Tamén haberá no certame un grupo de xornalistas internacionais especializados.

O concelleiro lembrou que as xornadas do 16 e do 17 serán abertas ao público, cun prezo diario de cinco euros. As tres seguintes xornadas estarán destinadas aos profesionais.

Compartir: