FESTAS

A chegada do Meco e o pregón no Toural dan comezo ao Antroido de Compostela

01/02/2008 Arrinca o Antroido 2008 en Compostela. O sábado 2 de febreiro as rúas da cidade encheranse de rebumbio e de xente coa chegada do Meco á praza do Toural e co tradicional pregón, que nesta edición corresponderá aos actores Camila Bossa, Iolanda Muíños e Luís Zahera.

A xornada do sábado 2 comezará ás 12:30 horas cos obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras que se desenvolverán na praza do Toural, grazas a axuda dun grupo de monitores. Os interesados en aprender novas técnicas de caracterización terán de novo a oportunidade de asistir a estes obradoiros entre as 17:00 e as 19:30 horas no Toural. Ademais de actividades didácticas, os máis festeiros poderán gozar da música e animación das fanfarrias Os Atrevidos e Vaite Xa ao longo de todo o día.

O gran momento da xornada chegará ás oito da tarde, co desfile do Meco dende a praza de Cervantes, pasando polas rúas Nova e do Vilar, para rematar no Toural, onde permanecerá exposto ata o mércores, día 6, no Pazo de Bendaña. O paseo do monicreque polas rúas do casco antigo terá o acompañamento musical das fanfarrias.

O Meco do Antroido 2008, deseñado coma sempre polo artista José Manuel Méndez, está inspirado no tema da seca que tanto sacudiu a Galicia neste último ano. A seca represéntase cunha especie de lagarta que recibe os piropos e flirteos do Meco. A parella aparece suspendida nunha nube presa cunha corda, simbolizando o secuestro da chuvia.

A continuación, sobre as oito e media do serán, celebrarase o tradicional pregón que inaugurará oficialmente o Antroido 2008. O acto será na praza do Toural a cargo dun coñecido trío de actores da televisión galega: Camila Bossa (coñecida polos seus papeis nas series Pratos combinados e Mareas Vivas), Iolanda Muíños (participou en moitas curtametraxes e no filme de Alejandro Amenábar Mar adentro) e Luís Zahera (coñecido popularmente como "Petróleo", participou en teleseries dos canais estatais e en varias longametraxes). Tras o pregón de rigor, cargado de humor e espectáculo, actuarán de novo as fanfarrias.

Desfile do martes de Antroido
Para participar no desfile do martes de Antroido, os máis rezagados aínda poden anotarse acudindo ao Teatro Principal (Rúa Nova, 21) ata o luns 4 ás 14:00 horas –incluído o sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:30 horas– e así poder optar aos premios nas categorías de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada e mellor disfrace individual.

Documentos relacionados



Compartir: