INTERVENCIÓN INTEGRAL

O Urbana Santiago Norte recibe o apoio dos diferentes axentes sociais

29/01/2008 Toda a documentación do proxecto Urbana Santiago Norte foi entregada polo Concello de Santiago á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda, á espera de ser un dos elexidos para contar cos fondos da iniciativa Urbana. O proxecto, que contempla unha intervención integral na zona norte de Compostela, conta co apoio de todos os axentes sociais da cidade.

Os tres sindicatos maioritarios, a CIG, UXT e CCOO amosaron o seu interese en que esta iniciativa urbana se leve a cabo en Santiago e así llo fixeron saber ao Concello. Ademais, o Urbana Santiago Norte conta tamén con outros importantes apoios como o son a Cámara Oficial de Comercio, a USC, a asociación de comerciantes ACOTES, o Colexio Oficial de Arquitectos, a Asociación Provincial de Empresarios da Restauración e Hospedaxe de Santiago e a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

A Xunta de Galicia tamén quixo deixar por escrito o seu apoio. Pero ademais, todo o tecido asociativo das zonas nas que está previsto que se leve a cabo o proxecto amosou o seu apoio á iniciativa. Máis de 20 asociacións veciñais, culturais, deportivas... así como os colexios da zona e a Plataforma polo Emprego apoiaron tamén a solictude de que Compostela conte cun dos tres Urbana que están destinados a Galicia.

Urbana Santiago Norte
A iniciativa Urbana Santiago Norte é promovida desde o Concello de Santiago e ten como ámbito de actuación os barrios máis antigos e tradicionais da zona Norte. A súa solicitude aprobouse polo goberno municipal na Xunta de Goberno do luns 28 de xaneiro cun orzamento que ascende aos 15.150.000 euros, que se financiarían nun 70% cos fondos comunitarios do Urbana e nun 30% polo propio Concello.

Para Galicia reservaranse tres programas, para tres cidades, que atinxirán un total de máis de 27 millóns de euros. Actualmente, Compostela, que nunca contou con financiación deste programa, compite con outras cinco cidades galegas que xa anunciaron que tamén presentarían candidaturas para conseguir desenvolver proxectos dentro da iniciativa Urbana. A presentación cidadá do proxecto farase nun acto que terá lugar o xoves, 31 de xaneiro, ás 20.30 horas, no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música, na rúa Monte dos Postes.

Direcciones relacionadas



Compartir: