ALCALDÍA

A cidade romanesa de Sighisoara propón irmandarse con Compostela

29/01/2008 O presidente da asociación Puente Cultural Rumano-Gallego, Ion Stan, mantivo un encontro en Raxoi co alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. No mesmo propúxolle un irmandamento da nosa cidade con Sighisoara.

Ion Stan transmitulle ao alcalde a proposta do alcalde de Sighisoara, Ioan Dorin Danesan, ademais da invitación a participar no mes de maio nunha reunión con alcaldes doutras cidades irmandadas. Sighisoara é a máis coñecida cidade medieval rumana, e os integrantes de Puente Cultural Rumano-Gallego consideran que esta unión seria unha oportunidade para crear lazos entre as culturas galega e rumana.

Esta asociación xurdiu en 2005 da man dalgúns residentes romaneses, co obxectivo de manter unha relación estreita coa súa terra natal e, deste xeito, integrar unha parte da súa cultura en Galicia. Queren crear pontes cos galegos dando a coñecer a cultura romanesa, cambiando a imaxe dos romaneses e apoiando a integración social e cultural dos inmigrantes en Galicia. En Santiago e arredores residen uns 200 romaneses, do total de máis de 2.200 que están na Comunidade Autónoma.

Compartir: