TURISMO

Cheo total nos obradoiros con marisco de "Santiago de Compostela. Repetirás"

28/01/2008 A Galería Sargadelos encheuse de afeccionados á gastronomía para asistir aos derradeiros obradoiros para aprender a cociñar marisco. Preto de 120 persoas foron atraídas polo arte culinario de dous chefs tan reputados coma Yayo Daporta e Marcelo Tejedor, que amosaron diversos xeitos de cociñar marisco e algas, o último tesouro dos mares galegos.

O sábado 26 encargouse do obradoiro o recentemente distinguido cunha estrela Michelin Yayo Daporta, chef e propietario do restaurante que leva o seu nome en Cambados, preparando pratos de vangarda con mariscos galegos. O domingo 27 foi Marcelo Tejedor quen ensinou a preparar pratos innovadores con algas. Ademais obsequiou aos asistentes cunha lata de conservas que contiña unha agradable sorpresa: nubes elaboradas con algas.

Estes obradoiros están enmarcados no programa "Santiago de Compostela. Repetirás", co que a Concellaría de Promoción Económica e Turismo busca achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de temporada.

Compartir: