EDUCACIÓN

Volven os obradoiros, xogos e deportes na Ferradura Aberta da Alameda

12/07/2005 Ferradura Aberta é un programa de actividades de ocio e de lecer para nenos de entre 2 e 5 anos e de 6 a 14 anos, con espazos concretos para cada tramo de idade que poñen en marcha os departamentos de Educación e Mocidade, Centros Socioculturais e Deportes. Nesta duodécima edición, que terá lugar do 13 ao 29 de xullo, os nenos participantes poderán desde viaxar pola historia ata construír cestos ou participar nun karaoke, pasando por deportes como o esgrima ou o tiro con arco.

O mércores 13 de xullo volve á Alameda compostelana a Ferradura Aberta. Co fin de aprender ensinando e que os máis cativos non se aburran cando pecha a escola, o paquete de actividades de Ferradura Aberta, que chega á súa 12ª edición, ofrecerá ata o 29 de xullo obradoiros de cestería, encadernación, pintura, plástica e papiroflexia.

Tamén se disfrutará do deporte: esgrima, tenis de mesa, xadrez, tiro con arco... E os máis aventureiros, poderán viaxar no tempo e saber como se vestían na Prehistoria, como facían lume, como cazaban e elaboraban abelorios. Un karaoke, monicreques, espectáculos musicais, ludoteca para os máis pícaros, e unha visita á cidade en tren son outros recursos lúdicos e de lecer que ofrece a Ferradura Aberta.

Ademais, os nenos de entre catro e sete anos terán a posibilidade de acampar por primeira vez fóra da casa, sen os pais. Para participar no campamento só é preciso inscribirse na Oficina de Información de Ferradura Aberta.

Outro obradoiro ocuparase de que os nenos "bailen coa lingua" na Ferradura, incentivando o uso da lingua galega a través de contos e xogos de palabras, e aprendendo cousas da historia e da cultura de Galicia.

Compartir: