URBANISMO

Santiago liderará o proxecto europeo URBACT II

25/01/2008 A proposta do resto de cidades europeas participantes, Santiago liderará o URBACT II, un proxecto de cooperación europea en materia urbana destinado a promover políticas de vivenda adaptadas ás novas necesidade sociais. Así se decidiu nunha xuntanza en París, de xeito que Compostela encabezará a candidatura de doce cidades á primeira convocatoria desta iniciativa, que se pecha o 15 de febreiro.

As cidades que participarían nunha primeira fase do proxecto, de seis meses de duración son: Nantes (Francia), Hamburgo (Alemania), Medway (Reino Unido) e Siemianowice (Polonia). Para a segunda fase do proxecto, dunha duración de tres anos, confirmaron a súa participación Albacete, Rennes (Francia), Gateshead (Reino Unido), Viena (Austria), Poznan (Polonia), e agárdase a confirmación da participación de Lisboa e Toledo.

URBACT II é un programa europeo financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Funciona como un instrumento para o intercambio e aprendizaxe de tódolos axentes implicados no desenvolvemento e a implantación de políticas nas cidades.

A Concellería de Urbanismo e Emuvissa están a preparar unha candidatura ao URBACT II cun proxecto sobre política de vivenda, concretamente sobre a cooperación entre distintas institucións para a produción adecuada e sostible de vivenda social nas cidades.

Santiago dá un gran paso, ao ser por primeira vez candidata a Xefe de Fila dun proxecto europeo, trala experiencia acumulada de participación como socio en innumerables ocasións dende a entrada de España na Unión Europea.

O feito de poder presentar a política de vivenda que está a desenvolver Santiago supón un avance tamén, xa que se comeza a valorar a nivel internacional o proxecto urbano de Santiago, alén da capitalización e valoración do patrimonio histórico. Recoñecese así o xeito de Santiago de "facer cidade".

Dentro do espazo atlántico a nosa cidade é pioneira na xestión de solo protexido e na construción de vivendas sociais. Nestes momentos Santiago é a cidade galega que máis vivenda protexida está xerando, con índices que superan o que marca a lei autonómica. No 2008 estarán en fase de construción un total de dúas mil vivendas públicas na cidade, unha cifra que supón o 60 % e que supera o 40% que establece a Consellería de Vivenda.

Urbana Santiago Norte e proposta para Shanghai
O alcalde falou tamén doutros dous proxectos de dimensión internacional nos que traballa o Concello: o Urbana Santiago Norte e a proposta para participar na Exposición Universal de Shanghai (China) de 2010. En ambos casos, o Concello debe ter lista a documentación para presentala antes do 31 de xaneiro.

No caso de Shanghai, Sánchez Bugallo estima que a decisión do comité organizador da Expo se tome a finais de abril ou maio. Tamén para despois das Eleccións Xerais se prevé que o Goberno español decida as cidades que participarán no Urbana.

Cómpre lembrar que Santiago foi recomendada pola UNESCO como candidata para estar presente na Expo Shanghai 2010 cun espazo propio na área reservada á presentación das mellores prácticas urbanas do mundo. Neste espazo estarán 30 cidades do mundo. Compostela foi considerada como candidata xunto con outras dúas cidades españolas: Barcelona e Sevilla.

Compartir: