TURISMO

O Fórum Santiago’08 acolle o primeiro encontro de bloggers gastronómicos

23/01/2008 No marco do Fórum Gastronómico Santiago’08 celebrarase o I Encontro de bloggers enogastronómicos, EFórum, que reunirá a expertos de primeira orde nunha faceta de Internet en auxe e que cada vez congrega a máis afeccionados.

A enogastronomía converteuse co tempo nun pequeno mundo no que o impacto dos blogs creou unha maior expectación, permitindo aos consumidores e aos especialistas unha nova canle de intercambio e información cunha crecente influencia e visibilidade.

O profesor Manuel Gago, da Universidade de Santiago, é o coordinador das sesións de traballo, quen contará tamén coa colaboración de Irene García, profesora da Universidade de Vic.

Os bloggers interesados en participar deberán acreditar a autoría dun blog gastronómico propio e formalizar a inscrición cumprimentando o formulario na web www.forumsantiago.com. A inscrición no eFórum permitirá a todos os bloggers acreditados asistir de forma gratuíta como prensa a todas as sesións do Fórum (sempre que queden prazas vacantes).

Decálogo
Unha vez terminadas as sesións de traballo do EFórum (luns 18 de febreiro, 20 h) presentarase Código cociña, decálogo de boas prácticas nos blogs enogastronómicos. Previamente, o domingo 17, presentarase no Ateneo do Palacio de Congresos, a páxina web que realizaron os alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e cuxo traballo tamén foi dirixido polo profesor Gago. Un portavoz dos alumnos explicará a filosofía do proxecto, así como os contidos da páxina.

Compartir: