EDUCACIÓN

Vinte e nove organizacións achegarán o seu traballo aos composteláns no IX Foro de ONG

23/01/2008 Coincidindo coa celebración, o 30 de xaneiro, do Día Mundial pola Paz, a Concellaría de Educación organizada o IX Foro de Organizacións non Gobernamentais (ONG) e a Quincena da paz, da convivencia e da solidariedade, que inclúe diversas actividades para a comunidade educativa compostelá. O Foro celebrarase o sábado 26 de xaneiro no centro comercial Área Central.

Este día, ata 29 ONG darán a coñecer aos cidadáns os seus materiais didácticos, proxectos e produtos de comercio xusto, entre outras actividades. Trátase, segundo afirma Guadalupe Rodríguez, de "aproximarnos á realidade destas organizacións, que supoñen un elemento fundamental na comprensión e loita contra a violencia exercida en moitos países e que son referentes de solidariedade no traballo de cooperación e de axuda ao desenvolvemento".

Para a concelleira, é fundamental "impulsar a cultura de paz, de convivencia e de solidariedade dende a educación, formal e non formal, e dende os poderes públicos, para que toda a cidadanía, comezando polos máis novos, participe na construción dun novo proxecto de convivencia mundial, e dunha Compostela como cidade de encontro e convivencia de diferentes culturas".

Os actos do sábado 26 de xaneiro comezarán ás 11:00 horas, coa apertura do espazo solidario, ou o que é o mesmo, a zona onde se presentarán as experiencias e onde estarán os postos informativos. Ás 12:15 horas haberá unha representación teatral a cargo do colectivo Tourporroutou, que representará "Vicentinho e as árbores da paz". A esa mesma hora, haberá un obradoiro de elaboración "Atrapasoños".

Chegado o mediodía, ás 12:30 horas, chocolate solidario coa colaboración de Panxea. Asociación de Comercio Xusto. E logo dun concerto da Banda Municipal de Música de Santiago, procederase, ás 13:30 horas, á lectura do manifesto pola paz e a un acto institucional.

Xa pola tarde, ás 17:45 horas, Amigos da Terra impartirá o obradoiro "O cambio climático". Pouco despois, contacontos solidarios, coordinados polo colectivo Bicis pola Paz e nova oportunidade para o obradoiro "Atrapasoños". Ás 20:00 horas clausuraranse as actividades.

Compartir: