DEPORTES

Recoñecemento aos máis deportivos da temporada futbolística 2006-2007

22/01/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou os Trofeos á Deportividade da tempada 2006-2007, concedidos pola Delegación de Fútbol de Santiago. O acto, no que tamén participou o concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, celebrouse no Salón Nobre do Concello.

Nesta sétima edición, os premiados foron a S.D. Cidade de Santiago (2ª categoría autonómica), o Club Campo da Angustia (3ª autonómica), a S.D. Villestro (xuvenís) e o Club Peña Bodegón Arzúa (cadetes). Os gañadores foron elixidos entre os equipos que participan nas devanditas categorías. Trátase dos clubs que recibiron ao longo de tempada menos tarxetas e amoestacións.

Os galardóns (unha peza cerámica de Sargadelos) foron creados na tempada 2000/2001 a proposta da Delegación de Fútbol de Santiago, co respaldo do Concello. Na anterior edición os premiados foran os clubs Santiago de Compostela B, C.F. San Pedro B, S.D. Villestro -que repite en xuvenís- e La Salle.

A Delegación de Fútbol de Santiago conta cuns 130 clubs e 500 equipos inscritos nas diversas ligas, que supoñen uns 8.000 partidos cada ano. Tamén regula os trofeos da Copa do Sar e os torneos patrocinados polo Concello de Santiago nas diversas categorías: afeccionados, xuvenís, cadetes, infantís, alevíns e benxamíns.

Compartir: