TURISMO

Máis de 45 persoas aprenden a cociñar marisco con "Santiago de Compostela. Repetirás"

21/01/2008 Tras a paréntese do Nadal, a Galería Sargadelos encheuse de novo de afeccionados á gastronomía, que puideron aprender diferentes e novidosos xeitos de cociñar marisco. Os chefs Juan Crujeiras e Antonio Alján amosaron o seu arte ante os fogóns explicando diversos xeitos de cociñar ameixas. Os máis de 45 asistentes gozaron ao finalizar o obradoiro da degustación do resultado.

O sábado 19 encargouse do obradoiro Juan Crujeiras, chef e propietario do coñecido restaurante A Estación (Cambre), e fundador do Grupo Nove, formado polos cociñeiros galegos máis innovadores. O domingo foi Antonio Alján, chef do restaurante do ‘Pazo de Adrán’, en Teo, quen ensinou a preparar pratos innovadores con marisco. Ambos estiveron abertos a responder a todas as dubidas formuladas polos asistentes.

Estes obradoiros están enmarcados no programa "Santiago de Compostela. Repetirás", co que a Concellaría de Promoción Económica e Turismo busca achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de temporada.

As actividades continúan o 26 e o 27 de xaneiro con outros dous obradoiros da man de Yayo Daporta e Marcelo Tejedor, posuidores cada un dunha estrela Michelin. Ademais, durante todo o mes ofrécense menús especiais con marisco nos máis de 20 restaurantes adheridos ao programa "Santiago de Compostela. Repetirás", identificados co distintivo de establecementos colaboradores.

Compartir: