URBANISMO

Aprobado o proxecto de urbanización do contorno da rúa de Betanzos

21/01/2008 A Xunta de Goberno deu o visto boa o proxecto de urbanización da rúa de Betanzos, na Almáciga. O proxecto contempla a creación dun sendeiro peonil es escaleiras, que facilitará a accesibilidade.

O ámbito de actuación sitúase entre a rúa de Betanzos e o actual camiño de acceso ao colexio Santiago Apóstolo. En concreto, afecta ás traseiras dos número 37 a 53 da rúa de Betanzos, así coma aos terreos sen edificar con fronte á devandita rúa entre o número 53 e a zona libre pública existente.

O sendeiro peonil en escaleiras garante a accesibilidade e o mellor uso da zona libre pública, sen afectar á cualificación urbanística do solo afectado, que segue a ser de zona libre pública. Por tratarse dunha zona sensible, con carácter previo ao inicio das obras realizarase control arqueolóxico.

Modificación no PERI de San Lázaro
Por outra parte, o Goberno local aprobou inicialmente a modificación do Plan especial de reforma interior número 5 (PERI-5) de San Lázaro. O obxectivo deste cambio é incorporar, nas áreas de execución integral, o uso de oficinas en edificio exclusivo, xunto co hoteleiro e residencial comunitario. O uso de oficinas estaba previsto no PERI actual, máis non en edificio exclusivo, senón dentro de edificios de uso residencial e respectando o despece das unidades de vivenda.

Tamén en materia de urbanismo, acordouse nomear a Enrique Prado Seoane como arquitecto das obras do Proxecto de execución do nó de enlace entre o solo urbanizable número 12 (SUNP-12), Lamas de Abade, e o solo urbanizable non programado número 13 (SUNP-13), no vieiro da Estrada.

Compartir: