CIDADE HISTÓRICA

A urbanización de Caramoniña unirá San Domingos de Bonaval coa extensión da cidade cara o norte

21/01/2008 O proxecto de urbanización da unidade de execución 4 (Caramoniña) do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica recibiu o visto bo definitivo do Goberno local. A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Socorro García Conde, explicou esta actuación, que permitirá conectar funcional e esteticamente o parque de San Domingos de Bonaval e a extensión da cidade cara o norte a través da Almáciga.

O obxectivo do proxecto é solucionar o problema que supón a confrontación de dúas realidades diferentes e evitar a degradación da zona. Así, completarase a estrutura das rúas de Teo e Escultor Asorey, con edificacións de vivenda colectiva, outorgándolle ao conxunto unhas vistas acordes co resto do contorno. Na actuación resolveranse os desniveis existentes na zona.

Ademais, porase en valor a ruela da Caramoniña, axardinarase a zona das terrazas e quedará a disposición do Concello un espazo para equipamentos públicos, entre outras actuacións. O proxecto é obra do arquitecto Víctor López Cotelo. A actuación atinxe a un ámbito de 2.580 metros cadrados e o orzamento previsto é de 80.000 euros.

Compartir: