TRANSPORTES

Novas tarifas para os aparcadoiros xestionados por TUSSA

21/01/2008 O Goberno local aprobou as novas tarifas para 2008 dos aparcadoiros xestionados pola Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA): Xoán XXIII, Belvís e dársena de Xoán XXIII. A principal novidade neste campo virá pola implantación no primeiro trimestre da tarxeta "aparcafácil".

No aparcadoiro de Xoán XXIII, a modo indicativo, unha hora custará 1,12 euros e dúas horas 2,24 euros. Tres horas terán un custo de 3,36 euros e catro de 4,48 euros. Cómpre lembrar que a tarificación, xa dende 2007, é por minutos. A principal novidade virá coa implantación da tarxeta "aparcafácil". Permitirá adquirir horas e minutos de estacionamento, cun 10% de agasallo. Así, por cada 60 minutos mercados engadiranse seis minutos gratis.

En canto aos bonos, hai cambios, xa que se crean dúas novas modalidades: diúrno e nocturno. O diúrno dará dereito a aparcar de luns a venres laborables dende as 8:00 ás 22:00 horas. O nocturno permitirá estacionar entre as 19:00 e as 08:00 horas, de luns a venres, e tamén os sábados, domingos e festivos durante as 24 horas. O prezo do bono diúrno será de 47 euros e o do nocturno de 35 euros. O de 24 horas, xa existente, custará 52 euros. Este aparcadoiro ten 492 prazas, das que 201 corresponden a abonados e 69 son ocupadas por usuarios con bonos.

Belvís
A tarifa de rotación en Belvís por unha hora queda en 0,82 euros e a de dúas horas en 1,51 euros. Tres horas custarán 2,20 euros e catro horas 2,89 euros. Tamén neste estacionamento se aplicará a tarxeta "aparcafácil".

En Belvís modificarase o bono nocturno para pasalo do horario actual de 22:00 a 08:00 horas ao novo de 19:00 a 8:00 horas, incluíndo as 24 horas de sábados, domingos e festivos. Os prezos dos bonos queda como segue: diúrno, 47 euros; nocturno, 30 euros; 24 horas, 60 euros; mañá, 35, 50 euros; tarde, 35,50 euros; e Universidade, 35,50 euros.

Finalmente, apróbase unha tarifa de 13,50 euros para a dársena de Xoán XXIII. Mantéñense invariables os prezos por superar o tempo permitido de estacionamento.

Compartir: