BENESTAR SOCIAL

A UMAD recibiu o premio dos avogados composteláns en recoñecemento ao seu traballo social

18/01/2008 A Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente recibiu a medalla de ouro do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. O galardón distinguiu á UMAD polo seu traballo no campo da rehabilitación e atención a persoas con problemas derivados do uso, o abuso e a dependencia das drogas.

O galardón foi recollido pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, no transcurso da celebración da festividade colexial de San Raimundo de Peñafort.

Tamén asistiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen indicou que "o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela foi un importante elemento de cohesión e de fraternidade para unha profesión que na nosa cidade ten unha gran soleira, tanto dende o punto de vista do exercicio profesional como do ensino na nosa Universidade, cinco veces centenaria, que deu ao mundo da xustiza importantes xuristas".

A UMAD recibiu a medalla de ouro do Colexio no apartado de non colexiados. O organismo considera que "é merecedora desta distinción polo seu labor en prol da rehabilitación e reinserción social daqueles que por circunstancias da vida caeron na lacra da drogodependencia". A distinción recoñece tamén "a estreita relación que mantiveron e manteñen os traballadores da UMAD cos avogados durante o seguimento dos procedementos penais, no convencemento uns e outros do fundamental da rehabilitación e das medidas, ben na vía penal, ben noutras, que a fomenten".

Compartir: