ALCALDÍA

Santiago recibe o primeiro premio ARQAno de Arquitectura

18/01/2008 Os Colexios Oficiais de Arquitectos do noroeste de España concederon o premio ARQAno de Arquitectura ao Concello de Santiago de Compostela, pola súa continua e atenta xestión urbanística.

O Colexio Oficial de Arquitectos de León (COAL), comunicou ao Concello o fallo dos I Premios ARQAno de Arquitectura, convocado polos cinco colexios oficiais de arquitectos do noroeste de España (os de Asturias, Cantabria, Castela e León Este, Galicia e León). A cidade de Santiago é a primeira receptora desta distinción, que recoñece a aquelas persoas ou institucións que teñan protagonizado actividades favorables ao fomento da arquitectura.

Os ArQAno substitúen aos coñecidos anteriormente como Premios Julio Galán Carvajal e nacen co obxectivo de difundir e recoñecer publicamente a promoción da arquitectura entendida na súa dimensión máis ampla, como un campo protagonizado polos arquitectos nas súas distintas facetas de actividade profesional. Tamén concirne de forma directa a un número considerable de axentes copartícipes (administración, construtores, traballadores, promotores, outros técnicos, etc.) e indirectamente ao conxunto da sociedade.

O xurado estivo presidido polo decano do Colexio Oficial de Arquitectos de León, Fernando de Andrés Álvarez. Actuaron como vocais: e actuaron como vocais: José Ángel Noriega Vázquez, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Asturias; Pío J. Santamaría Muñoz, decano do Colexio Oficial de arquitectos de Cantabria; Celestino García Braña, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; José Ignacio Paradinas Gómez, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Castela e León Este; e Leopoldo Uría Iglesias.O premio será entregado en León nunha próxima data.

Iniciativas culturais e rehabilitación
O alcalde aproveitou a concesión deste premio para valorar dúas iniciativas culturais que permitirán recuperar tres edificios emblemáticos do Casco Histórico. Así, sobre o proxecto de Caixanova para os inmobles de Cervantes e do Preguntoiro, declarouse "satisfeito" pola aposta cultural e pola recuperación destes edificios grazas a un "espléndido proxecto".

Tamén se referiu á recuperación dun inmoble entre a rúas da Conga e de Xelmírez para unha futura galería de arte dirixida por Concha Fontela. Sánchez Bugallo anunciou que o Consorcio destinará unha partida de 1,5 millóns de euros para unha nova liña de axudas á rehabilitación da que se beneficiarán proxectos destas características.

Compartir: