ALCALDÍA

A SGAE recoñece ao Concello de Santiago como motor dunha "rica e diversa" programación cultural

17/01/2008 O Concello de Santiago foi un dos protagonistas da V Noite dos Autores, organizada pola Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e celebrada no Hostal dos Reis Católicos. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, recolleu o Premio ao Empresario Público, polo labor municipal en prol dunha "programación rica e diversa, que fixo de Compostela un referente cultural internacional".

Na cea de gala, na que a SGAE pretende "reivindicar a forza e o valor da cultura e render homenaxe aos creadores e o seu contorno", foron tamén premiados na mesma categoría o Instituto Galego de Artes Escénicas e Municipais (IGAEM) e a Universidade de Santiago. Noutros apartados resultaron galardoados o Grupo Inditex, a Axencia EFE e a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de España (FASYDE). A todos eles, xunto co Concello, a SGAE recoñeceulles a súa sensibilidade para "apoiar o dereito de autor e promover, co seu traballo ou obra, o noso rico acervo cultural".

Ademais do alcalde compostelán e dos responsables da SGAE, asistiron a este evento, entre outros, o ministro de Cultura, César Antonio Molina, e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Acompañáronos distintos persoeiros do mundo cultura, da empresa e da política. Da parte musical da gala encargouse o grupo galego Marfil.

Este acto precede á inminente inauguración da nova sede da SGAE, na rúa Salvadas. A entidade presentará en breve o completo programa de actividades previsto para o primeiro semestre de vida do novo complexo cultural. O edificio, deseñado polo arquitecto Antonio García-Abril, contou cun investimento de 10 millóns de euros.

Compartir: