TURISMO

Comeza o ano coa preparación do mellor marisco en "Santiago de Compostela. Repetirás"

17/01/2008 Galicia é coñecida en todo o mundo polo marisco das súas rías. Por iso este é o produto elixido como eixo do mes de xaneiro do programa gastronómico Santiago de Compostela. Repetirás.

Tras o paréntese do Nadal retómanse os obradoiros gastronómicos, nos que os asistentes aprenderán da man de reputados chefs os mellores xeitos de cociñar marisco. Juan Crujeiras e Antonio Alján prepararán en directo as súas especialidades, explicando os procesos seguidos, de xeito que cada afeccionado poida repetir a experiencia na súa propia cociña. Os obradoiros impártense na Galería Sargadelos e poden participar ata 45 persoas que, por tan só dez euros, aprenderán durante dúas horas do bo facer destes cociñeiros estrela.

O sábado 19 de xaneiro será Juan Crujeiras, propietario e cociñeiro do restaurante A Estación (Cambre) e membro do Grupo Nove, quen amosará a súa boa man co marisco. O domingo 20 cociñará Antonio Alján, chef do restaurante do Pazo de Adrán (Teo).

Menús especiais con marisco
Ademais, durante todo o mes de xaneiro, unha selección de máis de 20 restaurantes da cidade ofrecerán menús e pratos especiais elaborados a base de marisco. Os clientes só teñen que pedir a carta Santiago de Compostela. Repetirás nos restaurantes que amosen o distintivo de establecementos colaboradores para degustar pratos tan apetecibles coma filloas recheas de centola, zamburiñas á grella ou arroz caldoso con vieiras e ameixas.

Santiago de Compostela. Repetirás é unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que busca achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de tempada. O programa permanecerá en marcha ata o 31 de marzo de 2008 e nos seguintes meses tomarán o relevo a cociña do Entroido e a lamprea.

Compartir: