CULTURA

Moving Hearts abre un novo ciclo de seis concertos de Sons da Diversidade

17/01/2008 "Artistas con xeografía propia que apostan pola hibridación de estilos". Así define o xerente do Auditorio, Pablo Rodríguez, aos integrantes do cartel de concertos do primeiro semestre de Sons da Diversidade. O ciclo xa trouxo a 49 artistas nas súas catro edicións anteriores. A súa quinta edición ábrena os irlandeses Moving Hearts o sábado 19 de xaneiro.

Sons da Diversidade segue a ser, segundo o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, "un escaparate do que se está a facer en diferentes países, culturas e estilos". Mostra disto é o programa do primeiro trimestre de 2008: Moving Hearts (19 de xaneiro), Ute Lemper (17 de febreiro), Uxía (15 de marzo), Tom Zé (13 de abril), Laurie Anderson (16 de maio) e Rufus Wainwright (1 de xuño).

As entradas para os seis concertos xa están a disposición do público a través de venta electrónica de Caixa Galicia. De feito, e malia non ser anunciados ata o momento, algúns deles teñen moi avanzado o ritmo de compra. É o caso dos concertos de Laurie Anderson e Rufus Wainwright, para os cales xa quedan poucas entradas.

Pero para comezar, chega ao Auditorio de Galicia a banda irlandesa Moving Hearts, que revolucionara o folk nos anos 80, reunida de novo en Dublín a principios de 2007 para catro concertos consecutivos. Desta experiencia naceu Live in Dublín, un CD acompañado dun DVD de imaxes gravadas durante as actuacións.

Moving Hearts planea reunirse algunhas veces ao ano para interpretar o seu son único ao novo público e aos vellos seguidores. Compostela contará co privilexio de escoitar en directo Live in Dublín e gozar da música desta prestixiosa formación.

Compartir: