TURISMO

Os catro principais espectáculos do Multiusos de Sar en 2007 xeraron un gasto global de case 800.000 euros

17/01/2008 A asistencia aos catro principais espectáculos musicais celebrados no Multiusos Fontes do Sar en 2007 tivo un impacto económico, en forma de gasto global, de 796.694 euros. Esta cifra alcanzaría mesmo 1.669.237,6 euros incluíndo o gasto en entradas, segundo reflicte o informe realizado polo Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR).

Os espectáculos analizados foron a Ópera Monumental Aída e os concertos de Van Morrison, Fito e Calamaro e Alejandro Sanz. Tendo en conta a asistencia, estes dous últimos espectáculos foron os de maior impacto económico, cun gasto de 258.646 euros e 237.937 euros, respectivamente, se ben os outros dous foron capaces de xerar un maior gasto medio por persoa.

En canto á asistencia, destaca a dos concertos de Fito e Calamaro, con 9.500 persoas, e Alejandro Sanz, con 9.220. Un total de 4.208 persoas presenciaron a ópera Aída e 4.198 estiveron en Sar para ver a Van Morrison. En torno a un 50% destes espectadores procedían de fóra de Galicia.

Esta presenza foránea tradúcese en maior gasto na cidade. Así, o 7% do público que asistiu a Aída procedía do resto de España, e un 0,9% do estranxeiro. Deste xeito, máis do 50% do público pernoctou na cidade e os que o fixeron gastaron de media case 90 euros. No caso do concerto de Van Morrison, case o 60% do público veu desde diversos puntos de Galicia, un 5% dende outros lugares de España e un 1% do estranxeiro. Aquí o gasto medio dos non residentes en Compostela roza os 60 euros.

Tamén entre máis da metade dos asistentes ao concerto de Fito e Calamaro gastou en lecer e en cear, e case un 13% das persoas que durmiron na cidade quedaron máis de tres noites. Finalmente, preto dun 60% do público de Alejandro Sanz viña de fóra de Santiago e máis do 90% gastou cartos en cear na cidade e un 60% en lecer. Os que durmiron en Compostela gastaron unha media de 88 euros.

Outro dato salientable do estudio é o do perfil dos asistentes aos concertos. Mentres que as medias de idade en Aída e Van Mórrison foron de 41 e 36 anos, respectivamente, no caso de Fito e Calamaro e de Alejandro Sanz, baixaba ata os 27 e 28 anos.

Este informe de impacto socioeconómico foi presentado polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; polo xerente do Multiusos do Sar, Santi Cuadrado; e por un representante do CETUR, Rogelio López.

Documentos relacionados



Compartir: